4 de maio de 2018

A GUARDA

TEATRO

«Fillos do sol» chega á Guarda coa súa versión  dos últimos anos de Eduardo Pondal  

As entradas poderán recollerse de balde no Centro Cultural a partir do 5 de maio


Sara Alonso / A Guarda   

 O Centro Cultural da Guarda acollerá a obra teatral «Fillos do sol» o vindeiro sábado 12 de maio ás 20:00 h.  A peza, coproducida pola compañía teatral Contraproducións e o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo, ofrece una versión dos últimos anos da vida do poeta Eduardo Pondal, cando nunha pensión da Coruña trata de rematar a súa obra épica Os Eoas. 


 En escena, o xa octoxenario bardo galego afrontará o seu último traballo  comesto pola neurose, os medos e as insatisfaccións creativas e acompañado por un personaxe nacido da súa propia imaxinación: un mozo Eduardo nos seus inicios como poeta.   

 O elenco de actores está formado por César Cambeiro no papel de Pondal vello, Adrián Ríos como Pondal novo e Alba Bermúdez no papel de Rosa, a serventa da pensión. Todos eles manteñen unha relación divertida e emotiva ó mesmo tempo, na que se abordan temáticas como os perigos do perfeccionismo, os usos da lingua, a emigración e mesmo a emancipación feminina.   

 Escrita e dirixida por Cándido Pazó, a obra concíbese como unha homenaxe ao controvertido escritor no centésimo aniversario da súa morte. Pondal foi, xunto con Rosalía de Castro e Manuel Curros Enríquez, «un dos tres pés poéticos do Rexurdimento Galego», destacan dende a produtora.   

 As entradas para acceder ao espectáculo poderán recollerse de balde dende mañá, 5 de maio, no Centro Cultural no seu horario de habitual de apertura (de 10:00 a 13:00 h. de luns a venres e de 10:00 a 13:00 h., os sábados). 

Ningún comentario:

Publicar un comentario