VIGO ACOLLERÁ A MANIFESTACIÓN CENTRAL DA CIG CON MOTIVO DO PRIMEIRO DE MAIO
A marcha, na participará o secretario xeral, Paulo Carril, partirá do cruce da Dobrada ás 12:00 horas e rematará na Porta do Sol
Os detalles da marcha de Vigo, que partirá ás 12:00 horas da Dobrada e rematará na Porta do Sol, foron presentados hoxe en rolda de prensa polo secretario comarcal, Alberto Gonçalves
CIG / Vigo
A CIG convoca mobilizacións en cidades e vilas para o vindeiro 1º de Maio, Día Internacional da Clase Obreira, baixo o lema “Pola recuperación dos nosos dereitos. Contra a pobreza e a precariedade. Na Galiza, emprego, salarios e pensións dignas”. A central sindical fai un chamamento a camiñar cara a unha folga xeral “no convencemento de que é a resposta necesaria” ante a situación que estamos a vivir. A manifestación central será novamente a que se celebre en Vigo, e contará coa presenza do secretario xeral, Paulo Carril.
Os detalles da marcha de Vigo, que partirá ás 12:00 horas da Dobrada e rematará na Porta do Sol, foron presentados hoxe en rolda de prensa polo secretario comarcal, Alberto Gonçalves, que compareceu diante dos medios xunto a varios membros da Executiva comarcal.
A pesar de que os grandes indicadores macroeconómicos presenten síntomas de recuperación, a economía real, e singularmente as condicións de vida e de traballo do conxunto da poboación non só non se teñen mellorado senón que continúan a empeorar.
A un desemprego insoportábel (os datos da última EPA recollen que no primeiro trimestre deste ano continúa a haber case DEZ MIL ocupados menos que en 2009), engádese o efecto da brutal precarización das condicións laborais. Hoxe ter un emprego non garante a subsistencia. Unha nova realidade que indica de maneira clara e contundente o alcance do xeneralizado empobrecemento das clases populares e traballadoras, que empurran as políticas de dereita aplicadas primeiro polo PSOE e logo polo PP, ao ditado da Unión Europea e do grande capital.
Estamos a ver como na ofensiva que en forma de saqueo ten emprendido o grande capital en contra do pobo traballador–, a batalla central é a dos salarios. O ataque sistemático e reiterado en contra dos salarios, desenvólvese de diferentes xeitos pero todos eles articulados nunha estratexia común:
• Atacan os salarios, en primeiro lugar privándolle del a centos de milleiros de galegos e galegas que querendo traballar vense privados dun emprego. Unha realidade inda máis atroz e insoportábel no caso da mocidade, que se ve expulsada á emigración por falla de oportunidades.
• Atacan os salarios impoñendo a súa redución, formalmente ou pola vía dos feitos, pagando menos ou facéndonos traballar máis a cambio de menos.
• Pero a ofensiva en contra dos salarios, que non é outra cousa que bater en contra da fonte de sustento da que vivimos, atinxe tamén o chamado salario indirecto.
• Dunha banda, a través da política de recortes e privatización dos servizos públicos, que ao ser financiados por impostos son tamén froito da riqueza que xera o traballo.
• E por outra, cunha nova campaña en contra das pensións públicas, coa ameaza real dunha nova contrareforma que na liña das dúas últimas, impostas por PSOE (coa complicidade de CCOO e UGT) e o PP, non só pretende reducilas á mínima expresión senón que do que se trata é de cuestionar o dereito irrenunciábel de termos unha pensións pública que nos permita vivir con dignidade após deixar o traballo activo. Un dereito irrenunciábel que foi resultado da loita histórica do movemento obreiro, e que agora se quere presentar como un privilexio que non nos podemos permitir.
Atacan os salarios para seguir a alargar a explotación da clase traballadora e aumentar os lucros privados para o empresariado e a banca. Queren seguir a apretarnos o cinto, até a asfixia se fai falta, para seguir a cebar a unha minoría a cada vez máis rica e poderosa.
Na comarca de Vigo, como no conxunto de Galiza, vemos ademais como a ausencia dunhas políticas públicas propias en materia de industrialización, emprego ou protección social, se traduce nunha imparábel desertización produtiva.
• A inacción cómplice da Xunta de Feijóo está a levar por diante a base produtiva e o tecido empresarial sobre o que si que se podería facer pivotar unha recuperación efectiva da economía, ao servizo do pobo. Vémolo con claridade no caso da industria naval ou na falla de impulso das políticas de I+D+i-. Co Partido Popular, Galiza segue condenada a ser periferia dependente. Sen unha industria potente e un sector primario sólido, ningún país ten futuro.
Envalentonada polas políticas de dereita, a patronal tense botado a monte, impoñendo unhas condicións laborais que avanzan cara novas formas de escravitude. Así o exemplifica por exemplo a situación intolerábel dos falsos autónomos de Servicarne en Frigolouro.
Mais a violencia patronal en contra da clase traballadora dase con carácter xeral, no cotiá:
• A través dunha temporalidade insoportábel, da imposición de ritmos de traballo extenuantes, do acoso contra os traballadores e traballadoras a golpe de sanción ou ameazas, a imposición de horas extra non pagadas ou o incumprimento dos convenios son o pan noso de cada día. Día si e día tamén, coa absoluta inacción por parte da autoridade laboral.
• Unha violencia patronal que ten bloqueado a negociación colectiva, impedindo que se poidan actualizar convenios e vetando calquera mellora das condicións laborais e salariais.
Diante deste contexto, o sindicalismo nacionalista e de clase que representamos a CIG, enfrontamos este 1º de maio cunha determinación clara: plantarlles cara. Plantarlles cara, a través do conflito e da mobilización, nas rúas e nos centros de traballo. Organizando a nosa resposta como clase traballadora. Non é tempo de pacto social. Non pode haber paz social mentres todos os días o empresariado e os seus gobernos amigos, na Xunta e en Madrid, pisotean os nosos dereitos. É tempo de confrontar, de defendernos, de pasarmos á ofensiva para recuperar os dereitos que nos roubaron baixo o pretexto da crise.
É tempo de FOLGA XERAL, e nesa perspectiva chamamos ao conxunto da clase traballadora a participar masivamente na manifestación da CIG na comarca de Vigo, que será ademais a central e na que participará o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e que partirá ás 12h desde a Dobrada e rematará na Porta do Sol.
Temos que enviar unha mensaxe clara e contundente de que non imos poñer a outra meixela. De que non imos consentir máis recortes. Temos que saír as rúas para defender o noso dereito a empregos, salarios e pensións dignas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario