O B.O.P.PO. OFICIALIZA AS SUBVENCIÓNS AOS CONCELLOS DO PLAN REVITALIZA PARA CONTRATAR 40 MESTRES E MESTRAS COMPOSTEIROS
O vicepresidente Mosquera explica que a axuda da Deputación permitirá pagar o 100% dos soldos do novo persoal municipal durante o primeiro ano
O vicepresidente César Mosquera cos participantes na Facultade da Compostaxe
Foto: D. P.
Infogauda / Pontevedra
O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra xa fixo oficial as subvencións que a Deputación repartirá entre os concellos adheridos ao Plan Revitaliza para contratar 40 mestras e mestres composteiros. Os gobernos locais interesados terán agora ata o 27 de xuño para presentar as súas solicitudes ás axudas, que serán concedidas en función da poboación e da implantación da compostaxe en cada localidade.
Segundo explica o vicepresidente César Mosquera, e tal e como está recollido nas bases da convocatoria, aínda que a colaboración dos técnicos provinciais está garantida durante a posta en marcha dos proxectos de compostaxe nos distintos concellos, a intención da Deputación é que estes vaian dotándose paulatinamente de persoal propio que poida dar continuidade aos traballos.
Coa finalidade de facilitar o seu labor aos concellos implicados no Plan Revitaliza, a Deputación de Pontevedra decidiu abrir unha convocatoria de subvencións destinada a financiar o custo salarial das persoas necesarias para o seguimento e execución do novo sistema de tratamento de residuos orgánicos durante o período 2018-2020. Ademais, o propio organismo provincial porá en marcha un proceso selectivo único no que se creará unha bolsa de emprego para ir dotando de persoal aos gobernos locais en función de necesidades. Esta bolsa poderá estar composta por un número maior dos 40 aspirantes previstos, se ben soamente estes estarán operativos ou traballando ao mesmo tempo.As e os novos traballadores dependerán directamente dos concellos, baixo a figura de persoal interino por programa, non habendo relación laboral algunha coa Deputación.
As porcentaxes da subvención provincial irán decrecendo, establecéndose tres períodos subvencionábeis. No primeiro ano a Deputación subvencionará a totalidade do custo salarial de persoal, o segundo ano Deputación e concello repartiranse o gasto ao 50%, e o terceiro ano a Deputación pasará a custear o 30% e o cada concello o restante 70%. O financiamento deste programaten un importe de 546.367,20 euros eurosinicial.
Esixencia: un plan de acción municipal
A Deputación determinará a asignación do número exacto de traballadores por cada concello atendendo a varios criterios de valoración sobre un total de 100 puntos. Os concellos que soliciten as axudas recibirán un número máximo de traballadores (entre un e catro) en función da poboación, do número de unidades modulares de compostaxe e centros de compostaxe comunitaria en funcionamento no municipio, e das necesidades determinadas polo grao de implantación do plan.
A experiencia acumulada no tratamento dos residuos orgánicos a través da compostaxe tanto nos centros de compostaxe comunitaria (CCC) instalados no concello, como a través de composteiros individuais de exterior (COINEX) ademáis da realización de outras accións destinadas a fomentar a separación en orixe da FORM e a reciclaxe do resto das fraccións valorarase ata 60 puntos. A posibilidade de acadar o tratamento progresivo de toda a fracción orgánica municipal de residuos xerada no concello valorarase ata 40 puntos. Para valorar estes criterio osconcellos deberán presentar un Plan de acción en materia de residuos no horizonte temporal 2018-2020.
A valoración dos criterios farase por una comisión de expertos que estará constituída por persoal do Servizo de Asistencia Intermunicipal adscrito ao Plan Revitaliza e que poderá contar con asesores internos e externos, e as solicitudes que non acaden o 40% da puntuación serán eliminadas por entender que non reúnen os requisitos técnicos mínimos.
Por cuestión de poboación, poderán ter ata un máximo de catro traballadores os concellos maiores de 20.001 habitantes (Cangas, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, Redondela e Vilagarcía); tres traballares os concellos de entre 10.001 e 20.000 habitantes (Baiona, Bueu, Cambados, Gondomar, O Grove, Moaña, Porriño, Sanxenxo, Tomiño e Tui); dous traballadores os concellos de entre 5.001 e 10.000 habitantes (Caldas de Reis, Pontecaldelas, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Silleda, Soutomaior, Valga e Vilaboa); e un traballador os concellos de poboación de ata 5.000 habitantes (Barro, Campolameiro, Catoira, Cuntis, Illa de Arousa, Mondariz, Mondariz Balneario, As Neves, Oia e Rodeiro).
Ningún comentario:
Publicar un comentario