A CIG rexeita os despedimentos en Edicións Xerais de Galicia
CIG / Vigo
A editorial española Anaya, propietaria de Edicións Xerais de Galicia, vén de rematar un proceso de substitución do traballo de produción que reduce o papel da empresa con sede en Vigo, nunha visión centralista xa avanzada noutras zonas do Estado español.
Este proceso planificado responde a unha estratexia definida pola dirección de Anaya para limitar a autonomía de Xerais co obxectivo de asumir a súa produción, estratexia que contou coa colaboración de parte da propia dirección de Xerais.
Durante o proceso tivo lugar a revogación da delegada da CIG e a súa substitución por un representante de CCOO, tras o que agora se produce o despedimento de tres traballadores e a “saída voluntaria” do seu director, Manuel Bragado.
A CIG rexeita os despedimentos, manifesta a súa solidariedade cos compañeiros afectados e lembra que estas persoas amosaron sempre unha actitude responsábel e dilixente fronte a unha dirección que coa súa mala xestión propiciou o que agora está a acontecer na empresa. A central considera totalmente inxustificada a decisión e adianta que fará todo que estea na súa man na defensa destes postos de traballo.
Finalmente, dende a CIG amosan a súa preocupación polo futuro e a supervivencia dun proxecto editorial fundado hai xa case catro décadas e que durante moitos anos xogou un papel fundamental no universo da cultura literaria galega.
(R.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario