A Xunta pon en valor os investimentos realizados en Arbo para reforzar a lamprea como reclamo turístico do interior de Galicia
A directora de Turismo asistiu hoxe á LVIII edición da Festa da Lamprea, unha das doce festas de Interese Turístico Nacional coas que conta a Comunidade galega
Turismo de Galicia mantén unha decidida aposta pola recuperación das pesqueiras do Baixo Miño e por impulsar a Ruta da Lamprea nos 18 concellos que atravesa
Infogauda / Arbo
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe en Arbo, na LXVIII edición da Festa da Lamprea, unha das doce Festas de Interese Turístico Nacional coas que conta a Comunidade e tamén unha das máis de 300 festas gastronómicas que se celebran por toda na xeografía galega.
Durante a festa enxálzase o papel da lamprea como un reclamo enogastronómico cada vez máis destacado no interior de Galicia. Neste sentido, Turismo de Galicia leva anos apostando polo impulso deste recurso apoiando a concellos como o de Arbo para poñer en valor os seus recursos a través de convenios de colaboración ou mediante liñas anuais de subvencións, como foi o caso deste concello pontevedrés. Alí potenciouse a recuperación das pesqueiras de Raña de Muíños, as estruturas ancestrais coas que se pesca artesanalmente este peixe.
Con estas actuacións, o Goberno autonómico promove a súa conservación a través do seu impulso turístico e as converte nun elemento dinamizador das provincias da Coruña e Pontevedra e do que poder gozar en festas como a que se está a celebrar este fin de semana para exaltar este peixe. Estas melloras tamén supoñen un impulso para o desenvolvemento do turismo de natureza e enogastronómico tomando como fío condutor a cultura que rodea á lamprea e a súas artes de pesca.
Plan de Enogastronomía
Arbo é un dos 18 concellos da Comunidade que forman parte da Ruta da Lamprea, o itinerario desestacionalizador que brinda a oportunidade de coñecer esta especie tan singular, tanto nesta parte do Baixo Miño, como no río Tambre e no río Ulla. Este concello pontevedrés sitúase ao inicio da Ruta do Baixo Miño, unha parte do itinerario que se espalla ao longo de varios quilómetros pola ribeira deste río e a través do que se poden ver as tradicionais pesqueiras e gozar das súas diferentes preparacións culinarias.
Coa posta en valor deste recurso gastronómico afóndase tamén nos obxectivos que persegue o novo Plan de Enogastronomía, no que a Xunta está a traballar. Este documento porá especial énfase en recursos gastronómicos singulares como este, no vínculo da tradición e vangarda e nos elementos que diferencian e enriquecen a oferta turística galega.
Ningún comentario:
Publicar un comentario