O PLAN REVITALIZA, SELECCIONADO COMO EXPERIENCIA AMBIENTAL RELEVANTE POLA AXENCIA EUROPEA ‘ZERO WASTE EUROPE’
A Deputación exporá o plan de compostaxe da provincia na Comisión Europea, na Dirección Xeral 11 en Bruxelas, o vindeiro mes de abril
O vicepresidente Mosquera subliña que este recoñecemento é un “espaldarazo dunha potencia enorme” á xestión dos residuos orgánicos que propón a institución provincial
Según explicou o vicepresidente Mosquera, este recoñecemento a nivel europeo implica que a institución provincial exporá o seu plan de compostaxe en Bruxelas, na Dirección Xeral 11 (de Medio Ambiente), de xeito presencial o vindeiro mes de abril.
Fotos: D. P.
Infogauda / Pontevedra
O Plan Revitaliza de compostaxe impulsado pola Deputación de Pontevedra ven de ser seleccionado como ‘experiencia ambiental relevante’ pola axencia europea ‘Zero Waste Europe’, unha entidade oficiosa que traballa da man da Comisión Europea no ámbito do Medio Ambiente. Según explicou o vicepresidente Mosquera, este recoñecemento a nivel europeo implica que a institución provincial exporá o seu plan de compostaxe en Bruxelas, na Dirección Xeral 11 (de Medio Ambiente), de xeito presencial o vindeiro mes de abril. O nacionalista asegurou que o feito de que o Plan teña sido seleccionado “é un espaldarazo dunha potencia enorme” á xestión dos residuos orgánicos que propón o goberno provincial.
O pasado venres o comité de ‘Zero Waste Europe’ presentou o listado dos proxecto ambientais que consideraron máis relevantes dentro de cada un dos países do espazo europeo. En cada estado escolleuse unha única proposta ambiental relevante dentro do ámbito ambiental -entendido de maneira xenérica-: tanto podían ser seleccionadas propostas sobre conservación de especies e hábitats, de redución de CO2 e loita contra o cambio climático, de xestión de augas ou relativas a impactos varios no territorio. No caso español a experiencia con maior consideración por diante de todo o resto foi a do Plan Revitaliza sobre xestión de residuos. “Dentro da cantidade das que podían ter sido seleccionadas escolleuse que o Plan Revitaliza debía ser exposto na Comisión Europea. Para nós é unha satisfacción como Deputación, e entendemos que tamén para os concellos adheridos ao Plan e tamén para a xente que está a traballar, xa que anima a seguir con máis folgos que ata o de agora porque imos na liña correcta”, explicou Mosquera.
O vicepresidente explicou hoxe que o Plan Revitaliza xa estaba a levantar unha grande expectación en xeral dentro do Estado Español, xa que os técnicos provinciais están a difundir o modelo Revitaliza en moitas localidades (Valencia, Cataluña, Madrid, Extremadura, Galicia…), e que hai demanda de varias deputacións para coñecer ‘in situ’ como se está a desenvolver o proxecto. Tamén o Ministerio de Medio Ambiente está a utilizar o Plan Revitaliza como referente:o persoal provincial está a asistir a reunións de traballo para facer aportacións ao borrador da nova lexislación na materia.
Co recoñecemento da axencia ‘Zero Waste Europe’, un movemento que une municipios europeos e establece relacións con organizacións sen ánimo de lucro (como Greenpeace, WWF, Amigos da Terra, etc), a proxección do Plan Revitaliza pasa a ser internacional. “Estar no seo da Comunidade Europea é unha grande noticia. En agosto de 2015, cando comezamos a traballar neste sentido non podiamos agardar chegar a tal alcance”, subliñou Mosquera.
Centros de compostaxe na provincia
O vicepresidente Mosquera explicou na súa comparecencia que a día de hoxe hai instalados centros de compostaxe comunitaria en 27 concellos da provincia. Destacou que a finais de 2017 aínda eran 24 os municipios, pero que se está a traballar en Silleda, Lalín, Valga e tamén en Catoira para poñer en marcha as primeiras instalacións. “Son 36 os concellos adheridos e cada vez a extensión da compostaxe vaise acelerando máis. Estamos apremiando por incorporar novo persoal porque o necesitamos”, indicou. Neste sentido, o nacionalista destacou que hoxe coñecéronse oficialmente as notas das 30 persoas seleccionadas para pasar ao terceiro curso de formación da ‘Facultade da compostaxe’ para ser mestras e mestres composteiros. O inicio realizarase formalmente o vindeiro luns.
Por outra banda, o vicepresidente fixo referencia á redución dos envíos de residuos orgánicos a Sogama. Destacou que é evidente que os centos de toneladas de lixo tratadas nos centros de compostaxe comunitaria detraéronse dos colectores verdes. “As persoas que aportan nos centros de compostaxe comunitaria non son o torrente maioritario. Pero hai xente que composta o seu lixo orgánico e despois sae compost. Nos últimos anos, debido ao incremento da actividade económica tamén hai un incremento do lixo orgánico, e se nós conseguimos detraer aínda que só sexa unha parte, iso xa é positivo. Canto máis estendamos o sistema na provincia, máis baixará de xeito xeralizado o que se envía a Sogama. É unha obviedade”, destacou.
Ningún comentario:
Publicar un comentario