15 de feb. de 2018

A GUARDA

«Alzheimer e outras demencias»

Charla coa psicóloga Maxi Rodríguez no Centro Cultural  

O encontro será este venres ás 20:30 horas e abordará aspectos relevantes como síntomas, sinais de alarma e características da enfermidade de Alzhéimer. 



Infogauda / A Guarda 

 O Centro Cultural acollerá este venres, 16 de febreiro, a charla «Alzheimer e outras demencias», organizada pola Asociación  de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias de Galicia (AFAGA) en colaboración co Concello da Guarda. 

 A psicóloga Maxi Rodríguez dirixirá o encontro divulgativo dirixido ao público en xeral, no que se tratarán as demencias dun xeito xenérico, aínda que con especial atención á enfermidade de Alzhéimer. Así, a especialista abordará aspectos relevantes como os primeiros síntomas, os sinais de alarma a ter en conta e as características da enfermidade nas súas primeiras fases. 

 Tratarase, amais, temáticas controvertidas como as consecuencias desta enfermidade no entorno familiar, e ofreceranse recomendacións sobre como afrontar a situación dende un punto de vista positivo e natural. 

 O faladoiro comezará ás 20:30 horas deste venres, no salón de actos do Centro Cultural.  

 Sobre AFAGA 

 A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias de Galicia (AFAGA), fundada no ano 1994, é unha organización dedicada á orientación e información a familiares de persoas con Alzhéimer e outras demencias. AFAGA desenvolve, tamén, programas e actividades dirixidos ás persoas enfermas, así como labores de sensibilización, divulgación e investigación. A súa actividade lévase a cabo principalmente na provincia de Pontevedra. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario