O BNG fai un chamamento á cidadanía do Baixo Miño
Para que secunden a manifestación en defensa da sanidade pública de xeito masivo o domingo 4 de febreiro
Infogauda / O Baixo Miño
“Derivacións obrigatorias á sanidade privada con represalias se a doente reivindica o seu dereito a ser atendida na pública, prazos de atención que non se cumpren, listas de espera mesmo na atención primaria, saturación e pouco persoal nos hospitais e os PAC como grandes esquecidos do sistema de saúde”. Ese é o relatorio que o BNG fai sobor da situación da Sanidade Pública no noso País.
“Ten que haber un cambio de 180 grados”, reclamou Laureano Muíños, responsábel comarcal do BNG no Baixo Miño, “pero para frear as leis privatizadoras e os recortes do PP é preciso unha gran mobilización social, que a cidadanía responda nas rúas ante os golpes de estado de Feijóo nos despachos e no DOG en contra da sanidade pública”, demandou.
O BNG non dubida en diagnosticar que “o sistema sanitario galego está infectado por un virus perigoso que nace no laboratorio privatizador do PP e que está inxectando Nuñéz Feijóo ao sistema sanitario, poñendo en risco a vida e a saúde das persoas. E fronte a esta situación a mellor vacina é mobilizarnos o vindeiro domingo nunha grande manifestación en defensa da sanidade pública, dos hospitais comarcais e dos centros de saúde locais”.
Derivacións á privada
“Estas cifras son só a punta do iceberg porque hai milleiros de persoas que non teñen cita simplemente porque as axendas están pechadas. E mentres a pública soporta recortes, Feijóo reforza á privada cun sistema continuado de derivacións, -86 pacientes cada día-, síntoma de como se fai negocio a costa da saúde”.
Segundo os datos que facilita o BNG “desde 2009, Galiza perdeu 3.000 profesionais sanitarios, elimináronse 700 camas nos hospitais, houbo un recorte continuado do investimento, -en particular na atención primaria porta de entrada ao sistema sanitario cun recorte acumulado de 2.000M€-, que en 2018 recibe un 15% menos de recursos dos que había en 2009”.
“Desde o BNG non queremos un país con persoas de primeira e persoas de segunda en función dos seus recursos para acceder a unha sanidade de calidade”, salientou Laureano Muíños, “por iso, o 4 de febreiro é preciso saír a rúa e secundar a manifestación nacional, convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública, que terá lugar ás 12h desde a alameda de Compostela para defender o sistema público de saúde”, concluíu.
*Autobuses desde o Baixo Miño con paradas na Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui. Tarifa por persoa: 5€, aǵás desempregadas/os de balde.
Reserva prazas no: 616 090 632 / baixominho@bng.gal
Ningún comentario:
Publicar un comentario