PIRAGÜISMO
CELEBROUSE A IX TAÇA IBÉRICA DE SLÁLOM
Un bo balance para os Teixugos que se fixeron con doce medallas, cinco delas de ouro
Un participante en plena competición
Foto: Rosa Fernández Carrera
Rosa Fernández Carrera / Vila Nova de Cerveira
A pasada fin de semana tivo lugar na Azenha de Pagade, na aldea de Covas, en Vilanova de Cerveira (Portugal),a IX Taça Ibérica de Slálom, proba coa que se abre a tempada 2018.
Esta competición, que vai gañando nivel ano a ano, foi organizada pola Federación Portuguesa de Piragüismo e polo Club Deportivo Miño Teixugos. A Taça, que está aberta a deportistas portugueses e españois, contou nesta ocasión cun total de 160 embarcacións de kaiak e canoa nas categorías infantil, cadete, júnior, sénior e veterano, que fixeron as súas espectaculares baixadas polas bravas augas do río Coura.
Na categoría absoluta ou sénior as primeiras posicións foron en K1 feminino para Laura Alonso, dos Teixugos; en K1 masculino para Iván Silva, do Águas Bravas Club de Amarante; en C1 feminino as participantes sénior quedaron fóra de finais, correspondendo o mellor tempo a júnior Ainhoa Lameiro, do Club Penedo, e en C1 masculino o gañador foi castelán David Burgos, do Club Río Eresma.
O Club Deportivo Miño participou con vinte embarcacións, das cales pasaron a finais quince, cuns moi bos resultados.
En K1 Infantil, Sergio Martínez foi o gañador; Samuel Castro rematou segundo e Alexis Segadaes terceiro.
En K1 júnior Marco Patiño rematou duodécimo a causa dunha indisposición, que non lle permitiu facer a baixada de finais.
En K1 sénior Brais Castro, foi undécimo, e Emilio Rodríguez décimo cuarto.
En K1 Infantil feminino Ainhoa Barreiro foi a gañadora, e Alba Soutelo foi segunda.
En K1 cadete Ariadna Pereira rematou segunda. E en K1 sénior Laura Alonso gañou a proba, e Marina Ruedas rematou terceira.
En C1 sénior Brais Castro obtivo terceira posición, e Samuel Castro foi primeiro en C1 Infantil.
En C1 feminino infantil Alba Soutelo foi primeira, e Ainhoa Barreiro, segunda.
Un bo balance para os Teixugos que se fixeron con doce medallas, cinco delas de ouro.
Na clasificación final por equipos gañou o Piragüismo Penedo, de Caldelas, seguido polo Águas Bravas Club de Amarante, terceiro o Club Tea de Mondariz, e Miño-Teixugos rematou na cuarta posición.
Ningún comentario:
Publicar un comentario