11 de xul. de 2017

A GUARDA

DESDE A GUARDA PARA ALÉN DO MAR

· Visitas teatralizadas polas rúas guardesas realizadas pola compañía Os Quinquilláns

· Para coñecer a historia mais recente da Guarda 

Tero Rodríguez e Lucho Penabade
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 Este xoves 13 de xullo, ás 21:30 h., comeza na vila da Guarda a programación de visitas teatralizadas que se repetirá semanalmente durante todo o verán ata o vindeiro 7 de setembro.  


 Esta actividade pretende amosar a nosa historia e patrimonio dun xeito ameno e diferente, conxugando a técnica teatral coa divulgación do noso pasado. As visitas realizadas pola compañía Os Quinquilláns, percorrerán o centro histórico, comezando ás 21:30 h. na Praza da Igrexa, para continuar o itinerario pola Praza do Reló, rúa Colón, rúa Baixo Muro, rúa José María Lomba Peña, rúa Malteses, para chegar ó Porto da Guarda.  

 Os actores protagonistas, Lucho Penabade e Tero Rodríguez, darán vida a dous personaxes influentes da Guarda de 1930. Neste momento, coincidindo coa celebración da chegada do primeiro guardés a Porto Rico, deciden congregar á poboación no centro da vila para gravar unha película que remitirán á sociedade guardesa en América. A través deste fío condutor a compañía fai unha intensa labor de amosar os diferentes monumentos e lugares emblemáticos do centro da Guarda. Pero por se isto fora pouco, o espectáculo agocha sorpresas musicais coa intervención de músicos destacados como Paco Nogueiras ou o dúo Barahunda

 Desde o executivo municipal afirman que "todos estes ingredientes fan desta actividade unha proposta diferente, divertida e que promete ser participativa. É por iso que dende o Concello da Guarda esperamos que guste tanto á poboación local como ós visitantes que se achegan nesta época. Sen mais convocamos a asistir á poboación do mesmo xeito que se facía en 1930". 

BANDO MUNICIPAL
DON MANUEL LOMBA PEÑA
ALCALDE DE A GUARDA

FAGO SABER:
Que neste ano de 1930 se celebra o centenario da chegada do primeiro Guardés a Puerto Rico. Con esta fazaña abriuse para moitos veciños e veciñas un camiño de éxito económico, social e político. Hoxe A Guarda é a vila galega, e case a peninsular, que máis emigrantes ten aportado a América, o cal contribuíu ao seu enriquecemento, embelecemento e alfabetización. Un século despois o Concello de A Guarda, por iniciativa da Señorita Rosario García e coa axuda do Señor Mariñas, pioneiro operador de cámara, quere honrar a todas estas familias indianas gravando un filme homenaxe que se enviará aos principais centros galegos de América.  

Por todo isto
ORDENO E MANDO:
Que veciños e veciñas da vila guardesa e visitantes que se atopen estes días por estas terras, ben aseados e ataviados coas súas mellores galas, acudan ás sesións de gravación que para tal fin se celebrarán na Praza da Constitución (Antiga Praza do Reló) nos días e horas abaixo indicadas.  

XULLO 2017
xoves 13, 20, 27……………… 21:30 horas 

AGOSTO 2017 
xoves 3....…………………......21:30 horas 
xoves 17, 24, 31……………... 21:00 horas 

SETEMBRO 2017 
xoves 7 ………………………. 21:00 horas 




A Guarda, 13 de xullo de 1930

LABORAL

A CIG DO BAIXO MIÑO CELEBRA A III ASEMBLEA 
  
Este venres 14 de xullo, ás 19:00 horas, no Restaurante Juan, do Rosal 



Infogauda / A Guarda

 A Unión Local da CIG do Baixo Miño celebrará a súa III Asemblea este venres 14 de xullo, ás 19:00 horas, no Restaurante Juan, do Rosal  na que participarán os 39 delegados/as elixidos/as pola afiliación da central sindical e os seis membros da actual Executiva.   

 No encontro tamén se presentará o informe de xestión da Executiva saínte, no que se resume a actividade desenvolvida dende o 2013 e procederase á renovación da Executiva, composta por sete membros, incluíndo o responsábel da Unión Local do Baixo Miño. Ao proceso concorre unha única lista, encabezada polo actual secretario da Unión Local do Baixo Miño, Serafín Fernández Portela. 

 A III Asemblea da Unión Local do Baixo Miño terá lugar, tal e como fixan os estatutos da CIG, unha vez celebrado o Congreso Confederal e a Asemblea Comarcal da CIG de Vigo. 

 Dende a CIG do Baixo Miño explicaron que no actual contexto de profunda crise sistémica, no que o agravamento e a radicalización das políticas antiobreiras e antisociais do PSOE e do PP non fixeron máis que endurecer as condicións de vida da clase traballadora, “a CIG é a única ferramenta da que dispomos no Baixo Miño para defender as nosas condicións de vida e para facerlle fronte aos ataques da patronal”. 

CULTURA

A Xunta e a Real Academia Galega abordan a posibilidade de colaborar en materia de toponimia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reuniuse esta mañá co presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes

Infogauda / Santiago de Compostela

 O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reuniuse esta mañá co presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, na que foi a primeira xuntanza entre o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e o máximo responsable da institución académica desde o pasado mes de marzo.
 Durante a xuntanza abordaron a posibilidade de colaborar para impulsar o estudo da toponimia de Galicia, co obxectivo de recuperar e divulgar a toponimia do noso territorio, un patrimonio especialmente rico en Galicia. O encontro, que se desenvolveu nun ambiente de gran cordialidade e boa sintonía, serviu tamén para poñer en común e coñecer de primeira man o traballo tan fundamental que desenvolve a Real Academia Galega no ámbito da lingua e da cultura.

OURENSE

Carlos Núñez retorna a música medieval a Oseira, Santo Estevo e Montederramo, cos instrumentos do Pórtico do Paraíso

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o músico presentaron hoxe en San Pedro de Rocas os tres concertos que Núñez ofrecerá os días 27,28 e 29 de xullo

O gaiteiro Carlos Núñez con Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense; os alcaldes de Nogueira de Ramuín, Montederramo e San Cristovo de Cea, e o director do Obradoiro de instrumentos da Deputación, Manuel Brañas
Foto: D.O.

Infogauda / Ourense

 O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o gaiteiro Carlos Núñez, acompañados polos alcaldes de Nogueira de Ramuín, Montederramo e San Cristovo de Cea, e o director do Obradoiro de instrumentos da Deputación, Manuel Brañas, presentaron hoxe no mosteiro de San Pedro de Rocas os concertos que Carlos Núñez ofrecerá os vindeiros 27, 28 e 29 de xullo nos mosteiros de Santo Estevo de Rivas do Sil, Oseira e Santa María de Montederramo, coa colaboración da Deputación de Ourense. Os eventos, enmarcados na iniciativa "A tradición medieval", ten como obxectivo poñer en valor os instrumentos do Pórtico do Paraíso, para o cal, nos concertos utilizaranse réplicas dos instrumentos que aparecen nesta xoia escultórica da catedral de Ourense, "unindo música, tradición e estes enclaves únicos pola súa riqueza histórica e patrimonial da provincia de Ourense", explicou Manuel Baltar.  

 O presidente do goberno provincial destacou que este proxecto musical "é posible grazas ao labor de recuperación dos instrumentos do Pórtico do Paraíso realizada por Manuel Brañas e á sensibilidade dun gran compositor e investigador musical como é Carlos Núñez. A autenticidade do evento, o intérprete e os lugares onde se van celebrar estes concertos, son tres elementos que conflúen para darlle a estes concertos un carácter único e máxico", dixo Manuel Baltar.  

 "Trátase de, a través da música, reivindicar a nosa identidade e o peso da cultura e da tradición dun pobo tan rico etnográfica e historicamente como o noso", explicou Baltar, quen subliñou que esta iniciativa de colaboración entre a Deputación de Ourense e Carlos Núñez vai continuar no vindeiro festival "Pórtico do Paraíso" con diferentes actividades, entre as cales figura un concerto que o músico ofrecerá na catedral de Ourense en marzo de 2018.  

 Pola súa banda, Carlos Núñez explicou que este proxecto "vai a axudarnos a darlle vida a todo ese patrimonio medieval musical, escrito en arte e pedra, o cal afortunadamente puidemos recuperar, e así poder ofrecer concertos en acústico en recintos históricos singulares como estes mosteiros, verdadeiros tesouros arquitectónicos". O repertorio que Carlos Núñez ofrecerá nestes tres concertos serán cantigas e melodías interpretadas por músicos durante séculos, sons que me devolven ás miñas orixes, sempre conectadas coa provincia de Ourense", afirma o músico.  

 Os concertos serán o 27 de xullo, ás 21.00 horas, no claustro dos bispos do mosteiro de Santo Estevo de Rivas do Sil; o día 28, ás 20.30 horas, na igrexa do mosteiro de Oseira, e o día 29, ás 21.00 horas, na igrexa do mosteiro de Montederramo. As entradas pódense adquirir na plataforma Ataquilla.com.

O ROSAL

AS VOSAS IMAXES

Campus Multideporte Acanor Atlético Novás

Monitores e xóvenes participantes no Campus Multideporte Acanor Atlético Novás
Fotos: Santiago Baz Lomba

O ROSAL

A Banda de Música Agrupación Musical do Rosal seleccionada para o Certamen Internacional de Bandas de Música "Ciudad de Valencia" 

Participará na Sección Primeira dese evento para bandas, con 130 anos de traxectoria, que está considerado como o máis importante do mundo

O concerto Pre-Certame terá lugar o vindeiro domingo 16 de xullo, ás 19:30 horas no Auditorio do Rosal

Banda de Música Agrupación Musical do Rosal
Foto: Carles Pascual

Agrupación Musical do Rosal / O Rosal

 Despois de 13 anos sen acudir a este certame, a nosa agrupación considerou que xa era tempo dabondo de espera, e que tiñamos que volver a participar. Aínda que acudir a unha cita como esta supón moitos esforzos (musical, organizativo, económico, persoal) son máis os “pros” que os “contras” que lle atopamos a un proxecto como este.   

 O motivo máis relevante que nos anima a presentarnos a un concurso desta categoría é comprobar a mellora e o progreso que se reflexa no nivel musical da banda, debido a intensificación de ensaios, ó traballo en grupo, e tamén, por suposto, o estudio individual que ten que realizar os músicos para tocar obras de gran dificultade.   

 Outro dos motivos é ter a oportunidade de actuar nun dos escenarios de máis relevancia a nivel nacional como é o Palau de la Música de Valencia, un dos auditorios máis importantes da península, e poder tocar ó lado de prestixiosas bandas que contan cun elevado nivel e con moita máis tradición musical e cultural que a nosa.   Nesta ocasión a banda participará na Sección Primeira, destinada a bandas de ata 110 compoñentes. Competiremos con outras dúas bandas de renome como son a Societat Musical “La Primitiva” de Rafelbunyol (Valencia) e a Unión Musical Cartagonova (Murcia); sendo nesta ocasión a única banda galega que participará no evento.   

 Dende que a finais do mes de febreiro resultamos elixidos para participar no certame, temos anotado na nosa axenda e sobre todo nas nosas cabezas o 22 de xullo como unha das datas máis importantes na historia da Agrupación Musical do Rosal. Meses e meses de ensaios sen parar que rematarán ese día no Palau de la Música, onde tentaremos facelo o mellor po​sible e para regresar cun bo sabor de boca, sentíndonos orgullosos do traballo realizado durante todo este tempo de preparación.  

 Pero antes de chegar a esa meta, gustaríanos convidarvos e poder contar coa vosa presenza no último concerto de preparación que realizaremos aquí no Rosal. O concerto Pre-Certame terá lugar o vindeiro domingo 16 de xullo, ás 19:30 horas no Auditorio do Rosal, e será a mellor de maneira de coller impulso de cara a vindeira semana e sentirnos arroupados por familiares, veciños, entidades e institucións, e se cabe, aínda con moita máis ilusión.   

 O programa que interpretaremos será o repertorio do día do certame, na mesma orde. Comezaremos co pasodobre "Sombras y Luces", de Santiago Quinto Serna, a continuación tocaremos a obra obrigada proposta pola organización "Everest", de Jordi Peiró  e poremos o punto final do concerto  coa obra libre que escollemos para esta ocasión, "Homenaje a Joaquín Sorolla", de Bernardo Adam Ferrero.   

 Unha vez rematado o concerto permitímonos aconsellarlles dar un paseo ata a praza do noso concello, que se atopa celebrando a 25ª edición da Feira do Viño do Rosal e alí poderán degustar os nosos mellores caldos e gastronomía, así como apreciar a beleza paisaxística do noso pobo.  

LABORAL

CONCENTRACIÓN EN LEMBRANZA DOS DOUS BRIGADISTAS MORTOS NUN INCENDIO FORESTAL EN FORNELOS DE MONTES, EN 2010

Terá lugar este mércores 12, ás 11:00 horas, diante do edificio da Xunta en Vigo (rúa Concepción Areal, 8)

Infogauda / Vigo

 O comité de empresa de Seaga convoca unha concentración este mércores 12, ás 11:00 horas, diante do edificio da Xunta en Vigo (rúa Concepción Areal, 8),  en lembranza dos dous brigadistas mortos nun incendio forestal en Fornelos de Montes en 2010. Con esta mobilización tamén se quere demandar unhas condicións laborais dignas para o persoal desta empresa pública. 

 No acto participarán familiares dos falecidos, que tamén valorarán a recente sentenza que condena a Xunta a incrementar as indemnizacións derivadas do accidente laboral.

LABORAL

A CIG rexeita o acordo asinado por CCOO, UGT e Xunta por non recoller medidas contra a precariedade no sector do transporte 

Considera que logo de todas as xornadas de folga convocadas non se pode asinar un texto destas características

A CIG rexeita o acordo asinado por CCOO, UGT e Xunta por non recoller medidas contra a precariedade no sector do transporte 
Fotos: CIG

Infogauda / Redacción

 UGT e CCOO asinaron a última hora deste luns día 10 de xullo un acordo coa consellaría de Infraestruturas e Vivenda -da que depende a Dirección Xeral de Mobilidade- no que se eliminan precisamente as dúas medidas contra a precariedade que permitirían avanzar na mellora das condicións laborais das traballadoras e traballadores do sector do transporte de viaxeiros/as. A CIG, porén, negouse a asinar este acordo porque deixa fóra precisamente as cuestións que provocaron o conflito.  

 En concreto suprimiuse a obrigatoriedade de que a persoa acompañante fora contratada pola empresa de transportes e a prohibición de ETTs, ambas cuestións que estaban comprometidas xa nas xuntanzas anteriores. Unha exclusión do texto que a Xunta xustificou en base a unha suposta “fraxilidade legal” de as contemplaren.  

 A CIG negouse a asinar porque, tal e como explica Xesús Pastoriza, responsábel do sector de Transporte da FGAMT-CIG, e como así aclarou na xuntanza coa administración, “calquera acordo coa Xunta tiña que ir parello a un acordo coa patronal para darlle unha solución global ao conflito”.

 Xunto a isto Pastoriza asegura que “onte non era día para asinar, porque estaban convocadas asembleas coas traballadoras e traballadores para as nove da mañá e, polo tanto, calquera cousa que se quixera acordar tiña que pasar previamente polas valoración desas asembleas, pero eles asinaron igual”.  

 Con todo, Pastoriza asegura que “o non da CIG estaba sobre a mesa porque as dúas medidas contra a precariedade desapareceran do acordo” e denuncia que, deste xeito, “o que tiñamos avanzado, CCOO e UGT tirárono pola borda ao asinar”.  

Fóra da Comisión de Seguimento do Acordo  

 O responsábel do sector de Transporte da FGAMT-CIG explica que a consecuencia desta non sinatura, “e como castigo”, matiza, “deixaron constancia en acta de que estamos fóra da Comisión de Seguimento do Acordo”. Entende que esta medida tiña como obxectivo presionar á CIG para que asinara pero “só por estar na Comisión, non imos asinar un acordo así e se quedamos fóra, non pasa nada”.  

 Nesta Comisión farase seguimento, fundamentalmente, ao cumprimento do acordado en materia de subrogación. Unha cuestión que aínda que si se plasma no texto, suscita dúbidas para a CIG. A este respecto Pastoriza sinala que “o volume global de emprego vai ser menor ao reducirse o número de liñas escolares, polo tanto vai a haber menos traballo polo que non queda garantido que se subrogue a todos/as”.

 Xunto a isto, o representante da FGAMT-CIG lembra que unha das exixencias das centrais sindicais era que se presentaran os contratos para estudar polo miúdo o seu contido. “Os anteproxectos puidemos velos, pero non os proxectos porque nin están publicado nin os proporcionaron tal e como se comprometeran a facer”.  

 Asembleas de traballadores  


 Isto implica que non se puideron facer estudos de custes, nin como van estar dotados economicamente os distintos conceptos, agás no relativo a salarios, onde se hai compromiso dun incremento.  
 Asembleas de traballadores  

 Xesús Pastoriza asegura que nas asembleas celebradas esta mañá, fundamentalmente nas convocadas na provincia da Coruña, onde a folga tivo máis incidencia, “as e os traballadores, mesmo as/os afiliadas/os destas organizacións sindicais, manifestaron o seu profundo malestar pola decisión de CCOO e UGT de asinar, non xa polos contidos do asinado, senón por facelo á marxe das asembleas”.  

Hoxe tamén foi maior a presenza policial que en xornadas de folga anteriores


 Casualmente hoxe tamén foi maior a presenza policial que en xornadas de folga anteriores, nas que, en moitas delas, non houbo ningunha. “Xusto coincidindo coa xornada na que a decisión adoptada por CCOO e UGT debilita a capacidade de presión da folga porque romperon a unidade sindical nas cuestións que nos levaron á folga”.

 Xuntanza coa patronal  

Para esta tarde está anunciada unha xuntanza coa patronal para tratar as cuestións do convenio pero a esta hora non está confirmado nin o sitio, nin a hora na que se celebrará, polo que “non sabemos se a vai a haber ou non”.  

 “As noticias que tiñamos era que había xuntanzas da Xunta directiva da patronal para ver que ofrecían, pero onte en toda a tarde non nos deron tampouco razón de nada”, conclúe.

OIA

AS VISITAS GRATUÍTAS DE VERÁN DA ASOCIACIÓN COSTA DOS CASTROS EMPEZAN ESTE VENRES

Desenvolveranse actividades na Cabeciña, Auga dos Cebros e o Arrabal 
   


Patricia Muñoz Raña / Oia (Pontevedra)

 A Asociación Costa dos Castros comeza este venres a tempada de visitas guiadas gratuítas, que organiza co obxectivo de dar a coñecer os principais atractivos do patrimonio de Oia e, ao mesmo tempo, fomentar o turismo cultural na zona.   

 A programación de verán empezará o venres 14 de xullo cunha visita á Cabeciña ás 12.00 horas e outra nocturna, ás 22.30 horas. Trátase de dúas propostas complementarias, pois os contidos do percorrido diúrno son diferentes aos da noite.  

 As visitas guiadas desenvolveranse ata o 15 de setembro e permitirán coñecer diversos enclaves arqueolóxicos e de valor histórico do municipio de Oia. A partir do 14 de xullo, os xoves e os venres ás 12.00 horas haberá itinerarios guiados no castro e petróglifos da Cabeciña, mentres que os sábados e domingos, tamén ás 12.00 horas, a ruta será polo barrio do Arrabal, nas proximidades do Mosteiro de Oia. 

 Visitas nocturnas, previa inscrición  

 Como complemento a estas actividades diúrnas, nas noites dos venres haberá visitas guiadas aos petróglifos da Cabeciña, mentres que os sábados pola noite a proposta consistirá en descubrir os gravados de Auga dos Cebros á luz das lanternas. Estas saídas nocturnas serán ás 22.30 horas. 

 As visitas, organizadas por Costa dos Castros coa colaboración do Concello de Oia e a Deputación de Pontevedra, teñen carácter gratuíto. No caso das nocturnas as prazas son limitadas, polo que cómpre facer a reserva no número de teléfono 689 355 713 ou no correo electrónico costadoscastros@gmail.com. Para as que se desenvolven durante o día non é necesario inscribirse.   

 Para máis información premer eiquí.