11 de nov. de 2017

QUEIMADELOS (MONDARIZ)

AS OBRAS DE MELLORA DA MOBILIDADE PEONIL NA ESTRADA PROVINCIAL DE QUEIMADELOS EN MONDARIZ COMEZAN ESTE LUNS 

O deputado Uxío Benítez explica que a actuación inclúe unha nova praza de pedra diante da axencia de lectura e redutores de velocidade  

A actuación ten un orzamento de 57.523,92 euros


Vista parcial da estrada provincial EP-4303 Mondariz-Meirol na Entidade Local de Queimadelos, dentro do concello de Mondariz
Foto: D. P.

Infogauda / Mondariz

 A Deputación de Pontevedra iniciará este luns as obras da actuación de mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-4303 Mondariz-Meirol na Entidade Local de Queimadelos, dentro do concello de Mondariz. O deputado de Mobilidade Uxío Benítez Fernández, explica que se creará unha nova praza de pedra diante da casa daaxencia de lectura e da área de informática. Así mesmo, e coa intención de mellorar a seguridade peonil instalaranse redutores físicos de velocidade para calmar o tráfico.A actuación conta cun orzamento de licitación de 57.523,92 euros.   

 Segundo explicou o deputado Benítez, esta actuación pretende unha replanificación profunda na zona para protexer aos colectivos máis vulnerables: peóns, ciclistas e persoas con mobilidade reducida. O nacionalista visitara hai meses a Entidade menor de Queimadelose alí constatou a necesidade da actuación.  

 As obras proxectadas supoñen a creación dunha zona de prioridade peonil e de convivencia cos vehículos. Retirarase o asfalto actual e substituirase por un enlousado de pedra, creando unha praza duns 250 metros cadrados que aproveita o espazo dun sobre ancho no que hai vexetación e unha fonte. A praza quedará elevada dez centímetros con respecto á cota do firme actual, salvando a nova rasante do pavimento con dúas ramplas de entrada e saída á zona de convivencia -que exercen de redutores de velocidade-. A maiores, instalaranse outros dous redutores de velocidade metros antes e despois da praza para que os vehículos reduzan a marcha antes de chegar ao espazo de convivencia.   

 En canto á sinalización, instalaranse as correspondentes marcas viarias para marcar a velocidade máxima (30 quilómetros hora) e o anuncio dos novos redutores de velocidade. A maiores, colocaranse doce metros de barreira de seguridade metálica simple, de aceiro galvanizado como prevención ante o desnivel no lateral da Axencia de lectura na intersección da estrada EP-4303 cunha vía de baixada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario