28 de nov. de 2017

O BAIXO MIÑO

EMPREGO

CORES TOURÍS DESTACA QUE OIA E O ROSAL RECIBIRÁN 46.500 EUROS PARA CONTRATAR DESEMPREGADOS DURANTE 9 MESES    

· Aprol Rural incentiva a contratación de 500 desempregados en toda Galicia en concellos do rural de menos de 10.000 habitantes para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social co obxectivo de mellorar as súas oportunidades laborais 

· A Administración autonómica financia o 100% dos custes salariais totais con contías que, segundo o grupo de cotización, poderán alcanzar os 20.250 euros  

José Manuel Cores Tourís, delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra


Infogauda / O Baixo Miño

 O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá a resolución da Consellería de Economía, Emprego e Industria pola que dous concellos da comarca do Baixo Miño de menos de 10.000 habitantes poderán contratar a desempregados durante 9 meses a tempo completo.    

 O delegado territorial explicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria acaba de resolver as axudas do programa Aprol Rural. A actuación, que se desenvolve por segundo ano consecutivo, ten como principal obxectivo incrementar e mellorar as oportunidades laborais do rural e dar un impulso aos traballadores das zonas menos poboadas de Galicia.   

 Deste xeito, na Comarca do Baixo Miño, os concellos de Oia e O Rosal recibirán unha axuda de 46.500 euros, o que lles permitirá contratar a un total de 4 traballadores, dous en cada municipio, durante 9 meses a tempo completo.    

 O Goberno galego apoiará con 5 millóns de euros a contratación de 425 persoas sen emprego en 219 concellos do rural con menos de 10.000 habitantes. A Consellería de Economía, Emprego e Industria acaba de resolver as axudas do programa Aprol Rural, das que se informa hoxe no Consello da Xunta. A actuación, que se desenvolve por segundo ano consecutivo, ten como principal obxectivo incrementar e mellorar as oportunidades laborais do rural e dar un impulso aos traballadores das zonas menos poboadas de Galicia.   

 Na convocatoria deste ano a Xunta introduce melloras con respecto a 2016, cando se puxo por primeira vez en marcha este programa. Así, increméntase de 6 a 9 meses a duración dos contratos e do 80% ao 100% o financiamento dos custes salariais totais.   

 Tal e como explicou o delegado territorial, as contías por cada traballador contratado poderán alcanzar os 20.250 euros, segundo o grupo de cotización do que se trate. “Terán preferencia nas contratacións os colectivos prioritarios en todas as políticas activas de emprego que desenvolve o Goberno galego, como son as mulleres, os menores de 30 anos, as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social e aquelas persoas pertencentes a unha unidade familiar con todos os seus membros en paro”, engadiu Cores Tourís. Os traballadores e traballadoras a contratar deberán ser persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG).   

 Aprol Rural integrouse no programa Formación e emprendemento no rural que este ano activou a Consellería de Economía, Emprego e Industria con 30 millóns para fixar poboación nas zonas menos habitadas de Galicia. A iniciativa busca incentivar a contratación nestas localidades, incrementar a oferta formativa no rural adaptada á demanda das empresas e aumentar os niveis de emprendemento e de creación de empresas con medidas xa postas en marcha como Formación á porta ou a liña de axudas Galicia Emprende Rural.   

 Esta iniciativa se enmarca na Axenda 20 para o Emprego coa que se está a impulsar a calidade e estabilidade no mercado laboral ata 2020. A planificación do Goberno galego en materia laboral pretende a creación de polo menos 80.000 novos empregos e reducir a taxa de paro ata o 10%.

Ningún comentario:

Publicar un comentario