30 de nov. de 2017

A GUARDA

Conchi Ortega pide ao Goberno local que non intente enganar aos veciños dicindo que o PP está en contra das obras cando é unha necesidade na Guarda e unha reivindicación dos populares. “O que nos parece malo é o convenio”

O PP da Guarda critica o convenio da rúa Concepción Arenal entre Concello e Deputación

• Non entenden que o Concello teña que pagar o 30% cando a titularidade da rúa é da Deputación 

• Consideran que as porcentaxes de colaboración que desde Deputación se lle impoñen aos pequenos concellos son abusivas.  

• Os populares consideran vergonzoso que o Goberno local lle oculte o proxecto a veciños e empresarios.

Conchi Ortega Martínez, voceira do Partido Popular no Concello de A Guarda
Fotos: P.P.

Infogauda / A Guarda

 O PP da Guarda considera que o convenio asinado entre o Goberno Local da Guarda e a Deputación de Pontevedra non é beneficioso  para o concello no sentido de que obriga á administración local a pagar un 30% do custo das obras, cando nun principio a rúa ten titularidade provincial. Así o ven de afirmar Conchi Ortega Martínez, voceira do Partido Popular no Concello de A Guarda.

 “Como exemplo están  as obras que comezan hoxe na rúa do porto de titularidade de Portos de Galicia vainas financiar  ao 100% a Xunta de Galicia, a pesar de que o Alcalde nunha nota parece que quere atribuírse, as obras. Outro exemplo son as obras no dique de abrigo do porto, cun orzamento que pode superar o millón de euros tamén as financia a Xunta ao 100% por ser  titularidade de Portos de Galicia, non obstante na rúa Concepción Arenal ten que poñer o Concello da Guarda case 500.000 euros cando a titularidade é da Deputación de Pontevedra, e cando eses cartos estaban destinados a outras obras tan necesarias no concello”, explica a voceira do PP.


Conchi Ortega con deputados do Grupo do Partido Popular na Deputación Provincial de Pontevedra, ollando in situ á rúa Concepción Arenal

 Segundo os populares, o decálogo de estradas de Deputación impón porcentaxes abusivas aos pequenos concellos cando aportan grandes cantidades para as cidades como Vigo ou Pontevedra, por razóns que todos coñecemos.

 Neste mesmo sentido sinala que “se a Deputación pode pagar 45 millóns de euros en instalacións de titularidade municipal en grandes concellos que teñen recursos propios, non entendemos porque se devolve a titularidade desta rúa ao Concello da Guarda, que non é unha grande cidade, e máis tendo en conta que a Deputación acaba de privatizar o servizo de mantemento de viais da súa titularidade para os seguintes catro anos por un montante de 20 millóns de euros, dos que non vamos a poder beneficiarnos por aceptar a devolución da rúa a Guarda neste mal convenio”. 

 Por outra parte, os populares consideran vergonzoso que o Goberno local lle oculte o proxecto a veciños e empresarios. Aos membros da oposición deixáronos que o revisáramos uns días antes do pleno, pero vixiados, nin nos deixaron velo detidamente nin tampouco facerlle copias para poder analizalo en profundidade, parece ser que por orde do propio alcalde, pero aos veciños e asociacións empresariais nin iso, quizais por medo a que llo criticasen”, sinala Conchi Ortega.

NON SOLUCIONA O PROBLEMA DE TRÁFICO

 Os populares consideran ademais que o convenio non é beneficioso porque o proxecto non vai solucionar, ao seu parecer, os problemas de tráfico.

 “O que puidemos deducir no pouco tempo que puidemos revisar o proxecto, é que a idea do goberno local é peatonalizar esa rúa nun futuro, o que dende esta obra supón unha perda considerable de aparcamento de inmediato (na propia rúa, na Praza de Avelino Vicente, na rúa Coruña, e na zona do Hotel Convento), tan necesario na Guarda, e que este proxecto non garante a saída de camións e autobuses ao porto”, explica Ortega.


Pormenor do estado do pavimento de aglomerado asfáltico nun tramo da rúa Concepción Arenal

 “O gran problema da outra obra que fixo hai anos a Deputación - engade Conchi Ortega - era que non se podía saír por Concepción Arenal ao ser de sentido único e agora resulta que neste proxecto non se ve o dobre sentido por ningunha parte, polo que se seguirá producindo o embudo na rúa Enrique María Sexto”.

 Conchi Ortega explica ademais que “se o Goberno local vai gastar 500.000 euros das arcas municipais nas obras desta rúa, cando a titularidade era da Deputación, e non se soluciona o problema de tráfico, non podemos aplaudir ese convenio porque definitivamente nos parece  que non é bo. Pero o que non se pode consentir é que traten de enganar aos veciños dicindo que o Partido Popular está en contra desas obras porque é absolutamente falso, é máis foi o PP o que pediu en varias ocasións que se realizasen esas obras na rúa Concepción Arenal, o PP está en contra desta negociación entre PSOE e BNG,  tirante, que levou mais de  dous anos, entre os partidos que gobernan a Deputación sen moita sintonía entre eles, xogando a ver que se pon as medallas, e o final o resultado prexudicial é para o orzamento guardés, para as prazas de aparcamento, para a circulación de entrada e saída no porto, todo polas desavenencias entre eles”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario