29 de nov. de 2017

TUI

O BNG DE TUI LEVA A PLENO UNHA MOCIÓN EN DEFENSA DAS TRAÍDAS DE AUGAS VECIÑAIS  

María do Carme Núñez Méndez, portavoz municipal do BNG en Tui: A auga é un ben das persoas e máis da natureza, non é un negocio de grandes especuladores. É un ben fundamental para a vida polo que ten que ser considerado  o seu aspecto social

María do Carme Núñez Méndez e José Martínez Tato, concelleiros do BNG na Corporación Municipal de Tui
Foto: BNG

Infogauda / Tui 

  BNG presenta en Tui unha moción no pleno deste xoves dia 30 de novembro na que esixe  unha actuación rápida e decidida por parte da Xunta de Galiza en defensa do ben comunitario que son as traídas de augas veciñais.    

 María do Carme Núñez Méndez, portavoz municipal do BNG en Tui afirma que “desde hai uns meses varias comunidades de Augas de Consumo Humano en Tui (traídas de augas veciñais), atopáronse que ao proceder á renovación das concesións, por parte dos organismos da conca hidrográfica, neste caso a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, estalles a por múltiples atrancos e está denegando as autorizacións. 

 Estas son traídas que están legalizadas, que cumpren con todos os requisitos legais, análises, rede, tubaxes, cloración correctos, e que regularmente reciben subvencións públicas para levar a cabo o cometido de subministrar auga os veciños.   

 Desde o BNG de Tui sinalan que “a non renovación das autorizacións está a crear malestar e preocupación entre os veciños, porque se lles quere ilegalizar un servizo, que aínda que non ten a consideración de público, si é comunal e comunitario.   

 A auga é un ben das persoas e máis da natureza, non é un negocio de grandes especuladores. É un ben fundamental para a vida polo que ten que ser considerado  o seu aspecto social, relembrou María do Carme Núñez, portavoz municipal do BNG en Tui.  

 O BNG considera que as nosas parroquias, ao igual que o noso País, teñen  cultura de auga e foron  e seguen sendo quen de administrala, conservala e xestionala desde ben antigo a través das traídas de augas veciñais, que ademáis, encárganse de manter o bo estado das masas de auga para perservar a vida na natureza e o benestar das nosas veciñas, conclúe a portavoz do BNG no concello tudense.

Ningún comentario:

Publicar un comentario