CORPORACIÓN MUNICIPAL E VECIÑOS DE OIA, XUNTOS NA HOMENAXE Á XULIA SUÁREZ
Dende onte, unha fermosa praza, a carón da Casa do Concello, relembra o agarimo á matrona, falecida prematuramente
Infogauda / Oia
Pouco despois do mediodía de onte, 29 de outubro de 2017, fíxose realidade á homenaxe póstuma a que fora matrona en Oia, Xulia Suárez Martínez.
O acto contou coa asistencia da alcaldesa, Cristina Correa Pombal, membros da Corporación Municipal de Oia, familiares, amigos, e sobor de todo, veciñas e veciños do termo municipal, que quixeron estar - i estiveron -, a carón de Julia Martínez, nai da gratamente relembrada Xulia Suárez, e doutros familiares.
En nome da familia, interviu Pablo Alonso, sobriño de Xulia, quen tivo verbas de agradecemento para o BNG, por ser a entidade que promoveu á homenaxe, a toda á Corporación Municipal do Concello de Oia, por aprobar unánimemente á proposta, e a tódolos veciños, e sobor de todo, ás mulleres oienses por este recoñecemento á Xulia Suárez.
A alcaldesa de Oia, Cristina Correa agradeceu á presenza das mulleres que en primeira persoa, foron testigos do entusiasmo e humildade co que Xulia desenvolvía súa labor, salientando ademáis, a traxectoria laboral da matrona que estaba carregada de humanidade e de implicación.
Alcaldesa e familiares de Xulia Suárez
Tamén interviu Sabela Estévez, militante do BNG - formación da cal formaba parte Xulia Suárez -, e amiga íntima da persoa homenaxeada, para relembrar á enorme labor humana que Xulia deixou tras de sí en Oia.
No decurso da homenaxe, foi descuberta unha placa que da nome a Praza da matrona Xulia Suárez, e na que se reproduce unha obra artística da pintora Irene Silva Xiráldez, de Belesar (Baiona), que tamén estivo presente nese emotivo acto.
A pintura de Irene Silva representa unha nai co seu bebé no colo, e que inclúe á seguinte estrofa:
A pintura de Irene Silva representa unha nai co seu bebé no colo, e que inclúe á seguinte estrofa:
O cantar que canta a nai
cando arrola o seu neniño,
meu caravel, miña rosa,
meu bico de paxariño.
(Cantiga tradicional)
"(...) Quedeilles moi agradecida de que contasen comigo e síntome moi honrada de ver unha obra miña participando na memoria de Xulia Suárez, no Concello de Oia (...)", dixo Irene Silva Xiráldez a Infogauda.
En nome da Corporación Municipal e da cidadanía de Oia, foille entregado un ramo de flores a Xulia Martínez.
As notas musicais, foron ceibadas o ar de Oia, polos compoñentes do grupo de gaitas "Tralo Mosteiro".
Dese xeito, emotivo e sinxelo, logo dunha recollida de 1.110 sinaturas nunha plataforma dixital, e do correspondente acordo plenario, toda Oia soubo agradecer á labor profisional e humana de Xulia Suárez Martínez. Unha muller activa e xenerosa, que desde 1983 a 2004, axudou como matrona a moitas mulleres oienses, e que contribuiu a facer País.
Ningún comentario:
Publicar un comentario