A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aproba a contratación da consolidación e restauración do barrio Mergelina, no monte Santa Trega
A empresa UTE Consalpa–Terra Arqueos é a adxudicataria, por procedemento aberto, deste contrato por valor de preto de 400.000 euros
A presidenta da Deputación de Pontevedra, acompañada polo alcalde da Guarda, deputados provinciais e membros da Corporación Municipal guardesa, visitaron o poboado Mergelina, no monte Santa Trega, co arqueólogo da Deputación, Rafael Rodríguez Martínez
Foto. D. P.
Infogauda / A Guarda
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou a adxudicación da contratación, por procedemento aberto, do Servizo de consolidación e restauración do barrio Mergelina, no xacemento arqueolóxico do Monte Santa Trega, na Guarda.
Trátase dun dos sectores máis coñecidos do castro do concello da Guarda, no lado da desembocadura do río Miño, e que xa foi recentemente escavado no marco do protocolo asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento para a posta en valor dos xacementos da provincia de Pontevedra. Con este contrato poderanse realizar obras que permitirán consolidar todos os achados de estruturas e pezas neste castro e garantir que este proxecto se poida seguir completando dentro dos prazos previstos.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, lembrou "a importancia do que aconteceu durante as escavacións no Monte Santa Trega, que se realizaron nunha área de 2.000 m2".
Carmela Silva afirmou que "o Monte Santa Trega está considerado como a primeira cidade, a maior aglomeración de persoas en toda a provincia, antes que en Lugo, Braga ou Astorga na época romana".
"Ata antes destes traballos pensábase que o castro estivera ocupado entre o século I a. C. ata o I d. C., pero as probas de Carbono 14 realizadas agora veñen a confirmar que a ocupación se iniciou antes do século IV a. C., incluso vestixios indican que puido ter lugar no século VIII a. C.", sinalou a presidenta.
Así, atendendo aos diferentes criterios establecidos para a avaliación das propostas presentadas, finalmente foi UTE Consalpa–Terra Arqueos a adxudicataria do contrato de consolidación. O contrato terá un valor de 367.719,00 euros e a duración será de nove meses.
Ningún comentario:
Publicar un comentario