17 de out. de 2017

LABORAL

A CIG-Construción de Vigo organiza unha xornada sobre a silicose dirixida a traballadores/as do sector 

Terá lugar na biblioteca municipal do Porriño este xoves 19 ás 19:00 horas



Infogauda / O Porriño

 A federación de Construción da CIG de Vigo organiza este xoves día 19 de outubro, na biblioteca municipal do Porriño (rúa Domingo Bueno, 9) unha xornada arredor da silicose dirixida aos traballadores/as do sector. No encontro, que dará comezo ás 19:00 horas, participarán técnicos/as especialistas do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) e un técnico da propia central. 

 Segundo explican dende o sindicato, o obxectivo da xornada é poñer en común a situación que están a padecer moitos/as empregados/as dos sectores de canteiras, mármores e pedras, graveiras e construción -nos que a CIG detectou numerosos casos de silicose- e tamén para intentar facer visíbel esta enfermidade. 

 Deste xeito, os técnicos/as do ISSGA abordarán cuestións como os valores límites ambientais, a vixilancia da saúde, seguimento postlaboral, dispositivos médico-sanitarios en Galiza, etc. Ademais, un técnico do sindicato informará sobre aspectos xurídicos relevantes a ter en conta cando se confirma o padecemento de silicose.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario