26 de out. de 2017

GALICIA

OS CONCELLOS DO BNG DESMENTEN O RELATO DA TRAMA INCENDIARIA E ATRIBÚEN A VAGA DE LUMES AO ABANDONO DO MONTE E DO MEDIO RURAL
  
Piden á Xunta: Franxas de protección, sistema de brigadas profesionais con mando único e plan de recuperación inmediato das zonas arrasadas   

Ana Pontón: “Feijóo segue sen dar a cara no Parlamento pero tivo tempo de ir recoller o premio popular do ano a Alcobendas”  

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG cos alcaldes e responsables municipais dos concellos nacionalistas afectados pola vaga de lumes
Foto: BNG


Infogauda / Santiago de Compostela 

 Os alcaldes e responsables municipais dos concellos nacionalistas afectados pola vaga de lumes desmenten o relato da trama de terrorismo incendiario propagada pola Xunta e consideran que a causa fundamental dos incendios nos seus municipios está no abandono de monte e no abandono do medio rural.   

 As Neves, Viana do Bolo, Baños de Molgas, Ponteareas, A Mezquita, Pobra do Brollón ou San Sadurniño súmanse ás voces que desde a Fiscalía de Medio Ambiente e desde o ámbito académico refutan o discurso oficial.   

 “Desde Viana do Bolo non temos sensación algunha de terrorismo incendiario, pero si do abandono do rural. O lume é un síntoma da morte do rural”, salientou Secundino Fernández, alcalde de Viana. “Sinceramente, nas Neves non creemos na trama incendiaria, socialmente a xente non fala diso senón das consecuencias do incendio sobre iso si se reflexiona e se ten medo”, salientou o rexedor Xosé Rodríguez, quen denuncia que a Xunta vincula as indemnizacións ás vítimas a que se constate que o lume foi intencionado: “Iso si que é redondear o discurso da trama do terrorismo incendiario”.   

 Os responsables municipais criticaron a descoordinación, a falta de medios e o abandono que sentiron por parte da Xunta. “Foi a veciñanza a que tomou as rendas para defender as súas casas, e aínda non tiven unha chamada da Xunta por se precisaba algo, e iso que temos unha motobomba que debe ser da guerra de Corea”, denunciou o alcalde de Viana. “Somos desde o concello e coa sensibilidade de toda a veciñanza solidarizada a que, desde o voluntariado, estamos atendendo as necesidades da poboación tras os lumes”, subliñou o alcalde das Neves. 

 Teléfono vermello 

 Os concellos afectados demandan da Xunta medidas no curto e no medio prazo. Tres de xeito inmediato: que o Goberno garanta o cumprimento das franxas de seguridade con vivendas e infraestruturas previstas na normativa, -mesmo a través de modificacións legais que permitan a Administración intervir en propiedades abandonadas que constitúen risco para as persoas-. En segundo lugar, a profesionalización das brigadas cun mando único e con funcionamento os 365 días do ano, e en terceiro lugar un teléfono vermello a disposición das autoridades locais que desate de inmediato un protocolo de actuación ante unha situación de emerxencia.  

 “Unha institución como o concello debe ter un sistema de alerta de emerxencias directo coa Xunta que non pase por unha centraliña comunicando e que esa alerta poña en marcha un procedemento regrado que preste atención inmediato á alerta”, expresou desde o BNG o rexedor das Neves.  

 A medio prazo, os municipios gobernados polo Bloque piden un cambio na política forestal baseada na limpeza e aproveitamento funcional do monte, e poña fin ao abandono do rural, porque só por este camiño se pode acabar co problema dos incendios.   

 Desexar vivir o rural 

 “O medio rural merece a oportunidade de ser desexable, que a xente que vive alí queira seguir vivindo e iso non se está conseguindo, ao contrario estase botando á xente do rural por falta de servizos e de oportunidades”, salientou Rodríguez, para quen o lume “é un síntoma de que o rural esmorece, queremos que vivir no rural dea envexa sana, que a xente moza non queira cumprir anos para irse fora”. 

 Pola súa parte a portavoz nacional, Ana Pontón, criticou que dúas semanas despois da vaga de lumes, Feijóo “segue se dar a cara no Parlamento pero tivo tempo de falar dos lumes no concello madrileño de Alcobendas mentres recollía o premio popular del ano. Resulta case cómico senón estivésemos falando dun problema de país”, criticou. 

 Pontón avanzou que o BNG presentará emendas para que os orzamentos de 2018 inclúan partidas para financiar un plan de recuperación ambiental e económico dos concellos afectados e para executar as franxas de protección. 

 “Propoñemos iniciar o debate de xeito urxente para mudar a política forestal fracasada dos últimos 30 anos, dar un cambio de rumbo e pasar do negocio do lume e da extinción, do negocio da eucaliptización, a converter o monte galego nunha fonte de riqueza e de creación de emprego. Limpar o monte, aproveitar a súa riqueza, ordenar o territorio e apostar polo rural é o antídoto a medio prazo para acabar cos lumes”, subliñou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario