10 de out. de 2017

ECONOMÍA

Mañá ábrese o prazo de solicitude das axudas do Reforma 17 para realizar melloras en baños e cociñas 

Os particulares que desexen acollerse a este programa da Xunta poden presentar as súas solicitudes a través dos establecementos colaboradores ata o 17 de novembro ou ata o esgotamento do crédito 

O obxectivo da iniciativa, que contempla rebaixas de ata o 40% en produtos e mobiliario, é mobilizar 20 millóns de euros no sector da construción  

Búscase así estimular a demanda e o emprego entre as pequenas empresas e os autónomos que traballan neste ámbito


Infogauda / Galicia

 Os particulares interesados en acollerse ás axudas do programa da Xunta Reforma 17 para realizar melloras nas súas cociñas e baños poderán presentar as súas solicitudes nos establecementos colaboradores a partir de mañá e ata o 17 de novembro, salvo que se esgote antes o crédito.  

 O Reforma 17, impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape e en colaboración coa Asociación de Empresarios de Materiais para a Construción (Asemaco), ten como finalidade facilitar a modernización de cociñas e baños en 2.800 fogares galegos e dinamizar, dese xeito, a actividade e o emprego entre as pemes e os autónomos que operan no ámbito da construción.  

 As entidades colaboradoras –establecementos de distribución de materiais de construción–, que se poden continuar adherindo ao Reforma 17 ata o próximo 27 de outubro, serán as encargadas de recibir e tramitar telematicamente as solicitudes de axuda dos particulares interesados en acollerse ao programa. Como na anterior edición, o custo mínimo dos produtos adquiridos ao abeiro do Reforma 17 será de 1.000 euros, e as axudas públicas oscilarán entre un mínimo de 200 e un máximo de 1.000 euros.  

 A través do Reforma 17, que vén de convocarse por terceiro ano consecutivo, os beneficiarios poden gozar dunhas rebaixas do 40% nos custos de produtos e mobiliario de cociñas e baños para fogares galegos, dado que ao 20% que achega o Igape en axuda directa se suma outro desconto do 20% a facer polas empresas adheridas ao programa. A previsión é que esta terceira edición permita mobilizar, así, 20 millóns de euros no sector.  

 O programa facilitou nos dous últimos anos obras de modernización en máis de 7.000 fogares galegos, mobilizando arredor de 50 millóns de euros. Deste modo, prevese que ao peche do Reforma 17 as axudas terán facilitado a renovación de cociñas e baños en 10.000 fogares galegos, cunha mobilización estimada en 70 millóns de euros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario