8 de set. de 2017

PONTEVEDRA

Máis de 4.000 persoas se beneficiarán do programa "Depotermal 2017" da Deputación de Pontevedra

Carmela Silva recalcou a relevancia desta iniciativa que ademais de fomentar o turismo de saúde impulsa a creación e mantemento dun sector, o termal, de especial importancia para a provincia

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra
Foto: D. P.

Infogauda / Pontevedra

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou hoxe da adxudicación das prazas do programa "Depotermal 2017" promovido pola institución provincial do que se beneficiarán más de 4.000 persoas,  1.317 delas participando na modalidade diúrna e outras 2.783 na que inclúe tamén o paso da noite nos centros termais. Este plan, que conta cun orzamento de 102.000 €, ademais de favorecer o acceso ao turismo de saúde a persoas que doutro modo non poderían, tamén dinamiza a economía da provincia – explicou Carmela Silva -  impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade, e polo tanto "desestacionalizando a demanda deste importante sector a potenciar" que segundo adiantou Silva, "terá un espazo relevante dentro do Plan Estratéxico de Turismo da Deputación de Pontevedra".  

 Os establecementos incluídos dentro do programa Depotermal son o Hotel Spa Nuevo Astur, Vilalonga (Sanxenxo), o Hotel Spa Via Argentum (Silleda), o Talaso Hotel Oia Baiona, o Balneario de Cuntis e o Hotel Spa Carlos I Silgar (Sanxenxo), todos eles nas modalidades diurna e tamén na completa. No caso do Hotel Benestar Spa Moaña, o Balneario de Mondariz e o Balneario Hotel Eurostars Illa da Toxa, as prazas ofrécese unicamente a modalidade diurna. Por último, e neste caso só con réxime completo, tamén están incluídos na oferta o Hotel Spa Norat (O Grove), o Hotel Talaso Louxo A Toxa e o Gran Talaso Sanxenxo.  

 Así mesmo, a presidenta lembrou que nas últimas semanas a deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, realizou varias visitas aos diferentes balnearios, talasos e spa's do Grove, Sanxenxo, Moaña, Silleda, Mondariz Balneario, Val Miñor ou Cuntis "para garantir de primeira man que os servizos que se prestan teñan as mellores condicións."  

 "Depotermal" é un programa dirixido a persoas empadroadas na provincia de Pontevedra nadas antes do 1 de xaneiro de 1967, ou aquelas que nacendo con posterioridade son pensionistas, teñen un grao de diversidade funcional igual ou superior ao 65% ou precisan dun respiro familiar. A iniciativa ten por obxectivo promover o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas, impulsar o establecemento de novas relacións sociais, favorecer a participación en actividades que melloran o seu estado anímico, potenciar espazos de encontro e intercambio de experiencias e evitar o illamento e situacións de soidade. Ademais, a través de prazas gratuítas, garántese a igualdade de oportunidades no acceso á calidade de vida e á participación social de toda a poboación da provincia de Pontevedra.

Ningún comentario: