8 de set. de 2017

O ROSAL

CORES TOURÍS COMPROBA O AVANCE DA VENDIMA NA D.O. RÍAS BAIXAS VISITANDO A ADEGA LAGAR DE CERVERA DO ROSAL  

· O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou que este ano agárdase unha colleita “expectacular” con entre 35 e 37 millóns de quilos de uva   

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a adega Lagar de Cervera no Rosal, acompañado dos responsables da firma así como do alcalde da localidade, Jesús María Fernández Portela

Infogauda / O Rosal 

 O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a adega Lagar de Cervera no Rosal, acompañado dos responsables da firma así como do alcalde da localidade, Jesús María Fernández Portela, co obxectivo de supervisar cómo evolucionan os traballos de vendima.     
 Cores Tourís comprobou o avance da recollida da colleita que se atopa xa ao 50%, habéndose recollido nestes intres 18,3 millóns de quilos de uva, dos cales 1,46 proceden do Rosal. “Na denominación de orixe estase a traballar dende fai xa varias semanas, e das 4.049 hectáreas que existen en toda a denominación, no Rosal atópanse 552,17 hectáreas, con 224 viticultores dun total de 4.338 inscritos en Rías Baixas, o que se traduce en 890 parcelas”, explicou o delegado territorial. Das 181 adegas que existen na D.O, 11 atópanse no concello que hoxe visitou José Manuel Cores Tourís.  

 O delegado territorial recordou que a D.O. Rías  Baixas é un referente dos viños galegos, destacando a súa vocación exportadora, “xa que estamos a falar de que o 28% da súa produción véndese no estranxeiro, sendo así líder na proxección internacional do sector, representando o 81% das exportacións do vino galego certificado. E neste senso temos que seguir a traballar, dándolle promoción aos nosos produtos do agro nos distintos mercados nacionais e foráneos”. De feito, o principal destino das exportacións do viño desta DO é América, cun 50% do total, salientando Estados Unidos cun 38% do total.  

 Cores Tourís aproveitou nesta visita para facer fincapé na calidade dos vinos galegos, “e en especial os viños Rías Baixas”, así como a importancia que ten a vendima no seu proceso de elaboración, “unha vendima que este ano, segundo apuntan os responsables da denominación de orixe vai ser moi favorable, calculando alcanzar entre os 35 e os 37 millóns de quilos de uva, converténdose na segunda colleita mellor da historia desta denominación. Non podemos esquecer que o ano pasado a campaña acadou un total de 22,7 millóns de litros de viño, cun valor estimado que superou os 113 millóns de euros”.  

 O delegado territorial engadiu que estamos a falar dunha D.O. que é a que produce máis da metade do viño con selo de calidade de Galicia e que xera arredor do 63% do valor económico deste sector da comunidade.     

 “A calidade e a vinculación co territorio son os dous piares fundamentais sobre os que se asenta o noso sector vitivinícola”, matizou Cores Tourís, quen lembrou que é o eido agroindustrial máis exportador, cun incremento das exportacións do 104% entre as campañas 2008/2009 e 2014/2015.    

 Lagar de Cervera 

 Lagar de Fornelos naceu trala compra en 1988 pola empresa La Rioja Alta, S.A., da adega Fernández Cervera Hermanos S.L., propiedade dunha familia relacionada coa construción naval. O obxectivo dos novos donos era buscar un lugar no que afincarse en Galicia para probar novos camiños enolóxicos. A adega ten capacidade para produción 600.000 litros de viño. 

 A sociedade ten por obxecto cultivo da vide, a elaboración e embotellado de viños e a elaboración e embotellado de augardentes, para o cal dispoñen de 75 hectáreas de viñedo, 60 no Rosal e 15 no Salnés, ademais dunha adega de elaboración de viño e dunha pequena destilería. 

 A maiores, tamén elaboura augardentes, para o cal dispoñen dunha pequena destilería con 8 alambiques, 20.000 litros de almacenamento en aceiro inoxidable e 90 barricas de carballo.  

 Cores Tourís aproveitou para poner a esta adega como exemplo da potencia exportadora da D.O. Rías Baixas. “De feito, esta adega exporta o 50% da súa produción a mercados como Reino Unido, Alemaña, México, Xapón ou EUA”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario