25 de set. de 2017

ECONOMÍA

A XUNTA DE GALICIA DESTINA 21.000 EUROS NA MODERNIZACIÓN E  MELLORA DA IMAXE DO COMERCIO DE PROXIMIDADE DO BAIXO MIÑO E PONTEAREAS  

· O delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou que 5 negocios destes concellos obteñen apoios para a reforma e acondicionamento de locais ou para asesoramento dun xestor de redes sociais de cara a desenvolver fórmulas de promoción e comercialización en liña 

· O programa forma parte do Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio de Galicia, que ten entre os seus retos fomentar un novo modelo comercial intelixente que sitúe ao cliente no centro da súa estratexia 

· Na provincia de Pontevedra beneficiaranse un total de 95 comercios beneficiados con axudas que suman un total de 584.000 euros 

 Infogauda / Pontevedra

 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, anunciou hoxe que a Consellería de Economía, Emprego e Industria aprobou apoios por preto de 21.000 euros para 5 negocios dos concellos do Baixo Miño así como Ponteareas que poderán así reformar ou acondicionar os seus locais, ou buscar asesoramento dun xestor de redes. 

 Tal e como explicou o delegado territorial, a  Consellería de Economía, Emprego e Industria mobiliza en Galicia máis de 3 millóns de euros na modernización e mellora da imaxe do comercio de proximidade galego a través da concesión de axudas por preto de 1,5 millóns de euros para a reforma e acondicionamento de preto de 240 locais comerciais. A través desta mesma orde de axudas, de cuxa resolución se informou hoxe no Consello da Xunta, preto de 70 comerciantes contarán co asesoramento dun xestor de redes sociais para desenvolver novas fórmulas de promoción e comercialización en liña.   

 Na provincia de Pontevedra son un total de 95 os comercios beneficiados con estas axudas que suman un total de 584.000 euros. No caso de Ponteareas, beneficiaranse 3 establecementos, mentres en A Guarda serán 2 os que teñan subvención, e 1 en Tui e no Rosal.    

 Por unha banda, os comerciantes acceden a axudas de ata 16.000 euros e o 50% do investimento para proxectos de modernización integral dos locais comerciais que contan cun proxecto técnico de decoración e interiorismo. Estas axudas cobren as obras de reforma e acondicionamento da superficie de exposición e venda do local, a adquisición de moblaxe e actuacións de mellora da fachada e imaxe exterior. Por outro lado, outros establecementos acceden a axudas de ata 3.600 euros e o 40% do investimento a realizar para estes mesmos conceptos en proxectos de renovación e mellora.  

 A través deste programa de axudas, concedéronse, por outra parte, tíckets de xestión de comunidades virtuais, que permiten acceder a outros tantos comercios aos servizos dun xestor de redes sociais (community manager), no marco do Programa de Social Commerce posto en marcha a través do convenio de colaboración coa Federación Galega de Comercio.   

 Este Programa de Social Commerce dirixirase fundamentalmente a afianzar o éxito dos comercios galegos no eido das novas tecnoloxías, fixando obxectivos empresariais e compartindo experiencias, novas fórmulas de promoción e comercialización, recursos e tendencias para mellorar a súa competitividade.  

 Con esta iniciativa, achégase ademais unha oportunidade laboral a seis mozos e mozas desempregados que previamente se formaron nun curso de márketing online-community manager dirixido ao sector comercial impartido pola Xunta no Centro das Novas Tecnoloxías de Galicia.   

 Estas axudas enmárcanse no Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio de Galicia, que ten entre os seus retos o establecemento dun novo modelo de comercio intelixente que sitúe ao cliente no centro da súa estratexia aproveitando todos os recursos á súa disposición.   

 Este plan, que contempla 55 accións específicas ata 2020, ten contribuído ao reforzo do sector, que no mes de xullo conseguiu incrementar as súas vendas nun 1,2% con respecto ao mesmo mes do ano anterior, por riba do crecemento a nivel estatal, que se sitúa nun 0,7%. Do mesmo xeito, segundo a enquisa do Instituto Nacional de Estatística, o emprego medrou no mesmo período nun 1,7%, unha décima por riba da media nacional.

Ningún comentario:

Publicar un comentario