26 de set. de 2017

A GUARDA

A GUARDA CELEBRA A SÚA I MOSTRA ASOCIATIVA

O sábado día 30 de setembro na contorna e no interior do Centro Cultural   


Infogauda / A Guarda

 O Concello da Guarda celebrará o próximo sábado 30 de setembro a I Mostra Asociativa, un evento no que se pretende dar a coñecer o tecido asociativo a nivel cultural, deportivo, social e xuvenil que existe no noso pobo, aproximándoo á poboación.  

 Contando con 25 asociacións participantes, o encontro terá lugar no exterior e interior do Centro Cultural entre as 10:30 e as 21:00 horas, onde se celebrarán mostras instrumentais, obradoiros, charlas-coloquio, exhibicións e actuacións -entre outras actividades- coas que se amosará ao público traballo que estas asociacións guardesas desenvolven durante todo o ano. Amais, contaremos cunha zona expositiva, onde os visitantes poderán informarse e mesmo inscribirse nas actividades ofertadas por cada unha das organizacións.   

 Programación da festa asociativa 
 O evento comezará ás 10:15 horas co pasacalles a cargo de O Trebón dos Xidos e, deseguido, tomarán o testemuño as exhibicións deportivas, coas mostras do Ximnasio Do-Majó (11:00 h) e a Asociación Studio 88 (11:30 h). A Asociación Érguete Baixo Miño ofertará unha charla-coloquio chegadas ás 12 h, namentres o Centro Deportivo Baixo Miño amosará cunha exhibición as actividades que oferta ás 12:30 horas.   
 Xa pola tarde, esta primeira edición da Mostra Asociativa continuará coa actuación do grupo de gaitas A Boalleira (16:00 h), pertencente á Asociación O Percamino, e a exhibición de baile tradicional e moderno da Asociación Xamaraina (16:30 h).   

 A Asociación Do Lusco ao Fusco, pola súa parte, ofertará un obradoiro de baile tradicional ás 17 h, ao que seguirá a actuación da Asociación Folclórica Vento Mareiro (17:30 h). 

 O filme “Sonata para violonchelo”, que se proxectará ás 18 h, é a aposta da Asociación de Enfermos de Fibromialxia do Baixo Miño (Fibromiño) para achegar ao público parte da labor de apoio e información que esta organización desenvolve.   

 A tarde continuará coas actuacións do Grupo de corda Antorcha (19:30 h) e o Coro Arpegios Cantabile (20:00 h), namentres outras asociacións celebrarán outras actividades durante o día; así, por exemplo, a Asociación Avelaíña celebrará diferentes obradoiros e a Cruz Vermella instalará a exposición “Familias acolledoras” para o seu desfrute durante a xornada.  

 Obxectivo da iniciativa 
 Esta primeira edición nace a raíz das reunións mantidas, durante os dous últimos anos, entre o Concello e as asociacións guardesas co obxectivo de fomentar a colaboración e a organización en común de eventos e outras iniciativas que poñan en valor o rico tecido asociativo co que orgullosamente conta a nosa vila.  

 Así, a I Mostra Asociativa servirá, por unha parte, como punto de encontro no que compartir experiencias entre as asociacións participantes e, igualmente, para amosar a toda a poboación as posibilidades dispoñibles na nosa contorna para realizar actividades, practicar deporte, compartir experiencias etc, convertendo o encontro nunha festa asociativa cargada de actividades diversas da que poderá participar todo aquel que se achegue ata a mostra.

A Guarda demanda un multiusos
 Desde Infogauda entendemos que a I Mostra Asociativa tamén debera ser - de feito temos a certeza que vai ser -, un bó escaparate para que as institucions supramunicipais, como por exemplo Deputación Provincial de Pontevedra, Xunta de Galicia e Goberno español, saiban - se é que realmente ainda non o saben - da potencialidade socio cultural e deportiva, que posúe o municipio de A Guarda. E toda esa riqueza asociativa debera contar coa sensibilidade da que é merecente e ter á acollida institucional que lle corresponde. E como obras son amores e non boas razóns, esa sensibilidade e esa acollida institucional debera conlevar á dotación a medio prazo - dúas lexislaturas como máximo - de un multiusos. 

 Namentras A Guarda non dispoña desa infraestructura cultural - que teña un aforo non inferior o do desparecido Cine-Teatro Avenida - non teremos constancia da necesaria sensibilidade e acollida institucional da que á cidadanía guardesa é merecente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario