1 de set. de 2017

A GUARDA

O EXECUTIVO MUNICIPAL DO CONCELLO DE A GUARDA AFIRMA QUE PORTOS ATRASA INXUSTIFICADAMENTE A COLOCACIÓN DUNHAS XARDINEIRAS NA RÚA PEONIL DO PORTO 

Acceso a Rúa do Porto
Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O executivo municipal do concello guardés, que preside Antonio Lomba Baz ven de facer público a seguinte nota de prensa: 

 "O Concello da Guarda ven reclamando a Portos de Galicia dende fai un ano, a colocación duns bolardos retráctiles para restrinxir o acceso de coches á zona peonil da rúa do Porto, co obxecto de mellorar a seguridade viaria e evitar o estacionamento irregular. Dado que non se acadou o compromiso da entidade pública para acometer a instalacións destes elementos, o goberno local tomou a decisión de construír, facendo uso de fondos propios, unhas xardineiras móbiles que cumpran o mesmo fin.   

 Para poder proceder á colocación, solicitouse o permiso de instalación das devanditas macetas á entidade dependente da Xunta de Galicia en agosto do pasado ano e, ao non obter resposta, reiterouse a solicitude en outubro de 2016.   
 A resposta de Portos informou da necesidade de asinar un convenio entre as partes no que se establezan os termos de xestión e mantemento da instalación solicitada. Así as cousas, o convenio proposto pola entidade pública, xa en febreiro deste ano, incluía toda unha serie de condicións abusivas polas que o Concello, para proceder á instalación das xardineiras, debería facerse cargo do mantemento da rede de abastecemento de auga, as redes de saneamento e de alumeado público, o mantemento dos distintos firmes, pavimentos e sinais de circulación e o custe do consumo eléctrico do alumeado público, entre outras obrigas.   

 En vista das desmedidas condicións esixidas por Portos de Galicia, o Concello da Guarda propuxo unha modificación das bases, toda vez que as tarefas de mantementos non son competencia do Concello e non se axustan ás características da actuación que se pretende, isto é, a simple colocacións de dúas xardineiras para regular o tráfico nunha rúa competencia da entidade pública.   

Acceso a Rúa do Porto

 Unha vez negociado o convenio, coas modificacións suxeridas polo goberno local, este asinouse o pasado mes de xullo. Non obstante, dende Portos indicouse que as xardineiras non poderían ser colocadas ata que un técnico da entidade se desprazase ata A Guarda para asinar unha acta de replantexo. A día de hoxe, a punto de finalizar o verán e despois de reiterados contactos por parte do Concello -e a pesar de ter xa o convenio asinado-, Portos de Galicia aínda non deu a autorización definitiva cumprindo co trámite de asinar a acta de replantexo.  

 Con todo, resulta difícil de xustificar as dificultades que Portos de Galicia pon para esta actuación tan importante e tan sinxela, que nin sequera se pode considerar unha obra, senón unha mera instalación de mobiliario como é a colocación dunhas xardineiras que mellorarán a seguridade na rúa peonil, unha demanda dos veciños e usuarios dese espazo público".

Ningún comentario:

Publicar un comentario