04/08/2017

TUI

Xosé Leal (deputado provincial de Cultura): "o silencio e a desmemoria foron os peores castigos que se lle impuxeron ás mulleres que loitaron pola democracia' 

A mostra "Rexas. Mulleres baixo o terror franquista", organizada pola Deputación, poderá verse na Sala de Exposicións da Área Panorámica ata o 30 de agosto

No acto de apertura, ademais do deputado provincial tamén estiveron presentes o alcalde da localidade, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Cultura, María José González Pérez, a comisaria da mostra, Montse Fajardo, e o sobriño de unha das mulleres asasinadas en Tui, Julián Jaso.  
Fotos: D. P.


Infogauda / Tui

 "As mulleres son as grandes esquecidas, por desgraza, en demasiadas facetas da vida", afirmou o deputado de Cultura e Lingua,  Xosé Leal Fariña, na súa intervención na apertura da mostra "Rexas. Mulleres baixo o terror franquista" na Sala de Exposicións da Área Panorámica de Tui. Esta exposición, organizada pola Deputación de Pontevedra para reparar ás vítimas do Alzamento do 1936, ponlle rostro e nome a 172 pontevedresas que foron perseguidas, asasinadas, encarceradas e que, ademais, por mor da súa condición de mulleres, foron obxecto de vexacións de corte sexista. No acto de apertura, ademais do deputado provincial tamén estiveron presentes o alcalde da localidade, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Cultura, María José González Pérez, a comisaria da mostra, Montse Fajardo, e o sobriño de unha das mulleres asasinadas en Tui, Julián Jaso.  


 Leal tamén afirmou que "o terror foi silenciar, porque o silencio e a desmemoria foron os peores castigos que se lle impuxeron ás mulleres que loitaron pola democracia". O deputado nacionalista tamén cualificou como "desmemoria" o labor que "pretende facer unha Fundación pseudodemocrática e que está creando moita polémica estes días". A este respecto, Leal asegurou que "o resto das Administracións debemos ser firmes e amosar a nosa defensa polos valores da democracia, polo que actos como este son moi necesarios hoxe en día". Xosé Leal explicou que recuperar as historias das mulleres represaliadas é un acto de xustiza para o colectivo habitualmente menos lembrado, e "non só as asasinadas, senón tamén as que quedaron vivas e que quedaron para sorna, para burla, e para recibir maltratos físicos".  


 Pola súa banda, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, indicou que "as Administracións públicas teñen a obriga de poñer en valor a loita das persoas represaliadas". O rexedor asegurou que "en Tui e na comarca temos aínda testemuñas da dureza e das vicisitudes que pasaron moitas familias", e agradeceu á Deputación a sensibilidade por ter organizado unha exposición das características de "Rexas" para darlles visibilidade.  

 A comisaria da exposición, Montse Fajardo fixo fincapé en que "as mulleres foron asasinadas, exiliadas, depuradas, vexadas, e foron vítimas das mesmas tipoloxías de represión que os homes pero ademais sufriron unha violencia con claros tintes sexistas e foron rapadas, tatuadas e agredidas sexualmente". A comisaria tamén explicou que a represión tiña aínda unha compoñente máis no caso feminino "non só sufriron represión polas súas implicacións políticas ou sindicais, senón tamén por estar emparentadas con homes perseguidos". Tamén reivindicou o papel das mulleres que quedaron soas, marcadas como roxas, mentres os seus homes foran asasinados ou permanecían no cárcere. 

Mulleres represaliadas no Baixo Miño  

 A mostra Rexas recolle a historia dunha ducia de mulleres do Baixo Miño, destacando a  presenza de Evangelina Jaso, que foi fusilada na Alameda de Tui o 24 de abril de 1937 por agochar fuxidos. Os fascistas xa asasinaran pouco despois do golpe, en agosto de 1936,  o seu home, José Alonso, o Negro; o seu pai, Enrique Jaso Paz e o seu irmán Enrique, de vinte anos. Tamén asasinaron aos tres fuxidos aos que daba acubillo.  

 No nome da familia Jaso, un sobriño de Evangelina, Julián Jaso, fixo unha breve intervención durante o acto de apertura da mostra. "O que podo dicir de miña tía Evangelina é que ela era unha muller normal que se veu envolta na morte do seu home, do seu pai e do seu irmán" comezou dicindo Julián Jaso. Asegurou que "cando quixen buscar información sobre Evangelina decateime de que ninguén lembra como era, o que lembran é a súa morte, e iso é o tráxico, ese esquecemento é o terror". O sobriño de Evangelina, nunha intervención moi emotiva, explicou que "cando foi asasinada só tiña 27 anos, os mesmos que ten agora a miña filla, e a súa sentenza de morte foi por agochar a dúas persoas, recén casada e sen home xa, e recén parida, foi executada o 24 de abril".  

 Ademais da familia Jaso, a mostra tamén recolle os Fernández Miniño que estaban emparentados cunha das familias da contorna ás que homenaxea Rexas: os Francés. Os fascistas mataron aos irmáns Antonio, José e Eleazar Francés Carpintero e raparon as súas irmás Josefa e Asunción, que ademais estivo presa en Saturrarán tras participar nas barricadas de Teis. Tamén raparon a viúva de Eleazar, Loreto Pereiro. E á viúva de José, Elena Valverde, matáronlle ao seu irmán Víctor e coa mágoa a súa muller, Emilia Rodríguez Sequeiros abortou.  

 A da familia Francés é só unha das historias que Rexas conta do Baixo Miño, unha contorna que destaca na recuperación da memoria da represión non só por ser Tui a última cidade en caer baixo o dominio fascista, senón tamén pola fonda solidariedade amosada, sobre todo, polas mulleres da contorna. Tamén recolle a historia da tomiñesa Isaura Gómez Pérez, que tras o asasinato do seu home, o líder agrarista Paco de Figueiró, se converteu nun apoio esencial para fuxidos como o deputado Antón Alonso Ríos, para presas como a súa amiga Josefa García Segret, que tamén está presente mostra, ou para as familias perseguidas como a Domínguez Pacheco. Ángel e Antonio Domínguez Pacheco foron asasinados e a súa nai María da Luz Pacheco pasou sete meses no cárcere a pesar da súa idade avanzada.  O home da súa filla Lola, o famoso fuxido Juan Noya Gil foi outra das persoas que recibiron a axuda de Isaura.   

 Outras mulleres solidarias ás que homenaxea Rexas foron Rufina Domínguez Trigo, a quen o fascismo desterrou a Castro Caldelas ademais de requisarlle e queimarlle parte da súa biblioteca, ou María Santiago, nai do alcalde republicano de Tui, Guillermo Vicente ao que agochou na adega ata que unha enfermidade llo arrebatou. Entón enterrouno ás agachadas coas súas propias mans.  

 A historia de 172 mulleres  

 A exposición conta as historias de 172 mulleres, algunhas delas feitas públicas por primeira vez, a través de 78 fotografías. Está dividida en tres bloques, sendo o primeiro o da contextualización histórica, que conta que o golpe de Estado supuxo unha quebra dos dereitos da República tanto no relativo ás clases como dende o punto de vista das mulleres, que despois pasaron a ser tuteladas por varón, igrexa ou a sección feminina.  

 A segunda parte da exposición, a máis longa, analiza as diferentes tipoloxías de represión e mostra que, a pesares de que as cifras amosan que os homes son maioría nas listaxes de vítimas, as mulleres non só padeceron as mesmas tipoloxías de represión ca eles, senón que ademais foron obxecto de vexacións de corte sexista aplicadas non só a aquelas cidadás significadas política ou sindicalmente, senón tamén ás familiares de homes perseguidos: foron rapadas, agredidas sexualmente, tatuadas, arrastradas con cordas ou obrigadas a bailar espidas diante da xente. 

 Finalmente, a terceira e última parte da mostra dedícase a recoñecer o labor solidario e resistente das mulleres, o seu apoio imprescindíbel á guerrilla, aos fuxidos, á xente presa e ás súas familias, ás viúvas e criaturas orfas, así como o seu protagonismo na transmisión da memoria.  

 A exposición ‘Rexas. Mulleres baixo o terror franquista' comezou a súa itinerancia na Casa do Concello de Silleda; permanecerá ata o 30 de agosto na Área Panorámica de Tui; e continuará do 1 ao 30 de setembro no Museo Municipal Manuel Torres de Marín; do 13 de outubro ao 7 de novembro no Auditorio Municipal de Nigrán; e do 10 de novembro ao 10 de decembro no Pazo provincial da Deputación en Pontevedra.

Ningún comentario: