4 de ago. de 2017

O ROSAL

Carmela Silva inaugurou no Rosal a exposición "Nado en Pedra", con 17 esculturas da Escola de Cantería 

A mostra, que recolle pezas relacionadas coa emigración e os oficios tradicionais, pode visitarse na Praza do Calvario de O Rosal ata o vindeiro 3 de setembro

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde do Rosal, Jesús María Fernández, a concelleira Cultura, Medio Ambiente, Sanidade, Formación e Emprego, Charo Tabales, e a deputada delegada da Escola de Cantería, Montserrat Magallanes
Foto: D.P.


Infogauda / O Rosal

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde do Rosal, Jesús María Fernández, a concelleira Cultura, Medio Ambiente, Sanidade, Formación e Emprego, Charo Tabales, e a deputada delegada da Escola de Cantería, Montserrat Magallanes, inauguraron onte a exposición "Nado en Pedra". A mostra, que poderá visitarse ata o 3 de setembro na Praza do Calvario, recolle unha colección de 17 pezas de gran tamaño elaboradas polo alumnado da Escola de Cantería "que fala de nós, da nosa historia, da emigración e de tantos homes e mulleres que emigraron cara ao exterior", segundo explicou a presidenta. 

 Carmela Silva destacou a relevancia da exposición, na que se inclúen pezas de máis de 1.000 quilos, todas elas relacionadas con algúns dos oficios tradicionais máis senlleiros da nosa terra, como o de ferreiro, costureira ou canteiro, ademais doutras estampas da vida cotiá. A Presidenta afirmou que estas obras "emociónanme porque son dunha enorme beleza e tecnicamente están moi ben traballadas polos canteiros e canteiras da Escola da Cantería da Deputación de Pontevedra."  

 A presidenta da Deputación eloxiou o traballo que realiza a Escola de Cantería, á que cualificou como "a mellor do mundo" e da que dixo "sentirme moi orgullosa". Ademais, lembrou que ex-alumnos e alumnas do centro atópanse hoxe en día realizando "obras de rehabilitación en edificios emblemáticos como o Capitolio en Washington, a Sagrada Familia de Barcelona, a Catedral de Santiago, e en todas as grandes construcións que se están a facer no mundo". 

 Carmela Silva tamén felicitou ao Concello do Rosal por elixir a Praza do Calvario como escenario desta exposición pois "é unha praza que abraza perfectamente estas obras da Escola de Cantería, foi un acerto combinar a beleza da exposición coa da praza."  

 Para terminar, a presidenta da institución provincial aproveitou para subliñar que esta exposición, que xa pasou por Cambados, Nigrán e que tras O Rosal estará en Meaño, "é unha débeda que tiñamos coa Escola de Cantería para que os veciños e veciñas da provincia de Pontevedra poidan desfrutar do seu gran traballo."  

Ningún comentario:

Publicar un comentario