4 de ago. de 2017

LABORAL

CCOO gaña unha sentenza «pioneira» contra a empresa Clece no sector de axuda a domicilio  

A actual concesionaria do servizo de axuda a domicilio en Pontevedra enfróntase agora a unha «cadea de demandas» para compensar en salarios e cotizacións a máis da metade do persoal

CCOO critica os incumprimentos no servizo de axuda a domicilio
 Foto: clece.es

Infogauda / Pontevedra

 A Federación de Construción e Servizos de CCOO de Galicia gañou unha sentenza «pioneira no Estado» contra Clece (do Grupo ACS), concesionaria do servizo de axuda a domicilio de Pontevedra. Segundo o sindicato, a empresa enfróntase agora a unha «cadea de demandas» para compensar en salarios e cotizacións a máis da metade do seu persoal. 

 O comité de empresa, formado por cinco delegadas de CCOO, levaba tres anos a traballar estreitamente coa federación para «pararlles os pés» a Clece e outro tipo de empresas, «que só procuran o lucro empresarial á custa da precariedade laboral». 

  A sentenza recoñece o dereito do persoal a traballar, como mínimo, vinte e cinco horas semanais. Segundo os cálculos de CCOO, a empresa deberá desembolsar máis de medio millón de euros entre os salarios non abonados ás traballadoras e as infracotizacións á seguridade social.  Luís Rodas, responsable de Construción e Servizos en Pontevedra, coida a resolución xudicial será un «alicerce fundamental» para rematar coa precariedade nun sector en que o 98 % son mulleres.  

Crítica á permisividade das Administracións  

Por último, desde CCOO lamentan que as diferentes Administracións se amosen en toda Galicia «permisivas» cos «sistemáticos incumprimentos» laborais protagonizados polas empresas do sector. Carmen Villar presidenta do comité de empresa, afirma que isto é só a punta do iceberg e que «a sociedade non consentiría esta precariedade» —que redunda directamente na calidade da atención— se coñecese as condicións en que se desenvolve o labor das traballadoras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario