5 de ago. de 2017

TOMIÑO

TOMIÑO CADA VEZ MÁIS CERCA DE CONVERTERSE EN CIDADE AMIGA DA INFANCIA 

INTEGRANTES DO CONSELLO DA INFANCIA E ADOLESCENCIA (CIA) DE CASTRELO DE MIÑO COMPARTEN A SÚA EXPERIENCIA CON NENOS E NENAS DO CAMPAMENTO URBANO DE VERÁN

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez e o concelleiro Lois Vázquez Calvo, cos nenos participantes no campamento de verán organizado polo concello de Tomiño
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 Cinco integrantes do Consello Infantil  e Adolescente (CIA) de Castrelo de Miño -primeiro municipio galego que obtivo, de Unicef, o recoñecemento “Cidade Amiga da Infancia”- visitaron Tomiño para transmitir a súa experiencia aos nenos e nenas que participan no campamento urbano de verán.  

 Tomiño quere sumarse tamén á rede, polo que está tentando reunir os requisitos para a concesión do selo CAI, por parte de Unicef, e esta visita significa un paso máis nese sentido. Así o manifestou a alcaldesa Sandra González, logo de dar a benvida ao comité. A recepción tivo lugar no CEP Pedro Caselles Beltrán, o pasado venres ás 9 da mañá. Logo das presentacións, os integrantes do CIA relataron as súas experiencias e traballo realizado dende a constitución do Consello, en 2012.  

 Adriana, Edita, Laura, Estefanía, Ismael, (acompañados por Enatali, Sonia e Maribel), explicaron en primeira persoa o obxectivo do seu traballo, que non é outro que promover a aplicación da Convención sobre os Dereitos da Infancia no ámbito local, promocionar a participación dos nenos, nenas e adolescentes, en todos os temas que lles afectan, e fomentar o traballo en rede entre os 155 municipios que forman parte da iniciativa. Trátase de que «se deseñen e implementen políticas públicas eficaces» para mellorar o benestar da infancia e adolescencia, defendendo os seus dereitos e fomentando a súa participación,facendo as cidades entornos máis habitables”, indicaron.  

 Que non existan deberes no cole, máis visitas ao zoo e ao cine; un parque máis grande e mellor; un cine de inverno; unha sala de xogos recreativos; a limpeza do río Tebra; un campo de fútbol público de calidade; unha biblioteca con sala de informática e sección infantil/xuvenil, foron so algunhas das ideas-desexos que os nenos e nenas de Tomiño escribiron en grandes cartulinas a modo de axenda, para ser presentadas ante as autoridades locais. Tamén houbo peticións de caracter social, coma a creación de equipos de mediación nos coles e máis vixilancia nos recreos; máis axudas de libros e material escolar, etc.  

 Marta Andrade, de Unicef Galicia, quixo estar presente neste encontro celebrado en Tomiño. Explicou que este é un paso máis para conseguir o selo CAI, e que é necesario ter un Consello e un Plan Municipal de Infancia e Adolescencia, no que se contemplen as medidas a tomar en 4 anos. “Este encontro é moi importante para que os nenos e nenas saiban que é un consello da infancia e descubran que tamén teñen dereito a opinar e participar nas decisións da súa localidade”.   

BOAS PRÁCTICAS 

 O selo CAI outorgado por Unicef converte ao concello que o obtén, en impulsor e promotor da aplicación da Convención sobre os Dereitos da Infancia na esfera local, a través da participación dos infantes e adolescentes, en temas que lles afectan coma cidadáns. Ademais das poblacións que conforman a rede de Cidades Amigas da Infancia, medio centenar de municipios foron distinguidos no Certame de Boas Prácticas, un concurso no que se recoñecen proxectos ou actuacións exemplares a favor da infancia e a adolescencia, levadas a cabo por gobernos locais e outras entidades públicas e privadas. Tomiño é un deles, polo seu programa de reforzo escolar e apoio psicolóxico “É Aprender”.

Ningún comentario: