6 de ago. de 2017

PONTEVEDRA

O programa "Tecendo Lazos" da Deputación de Pontevedra chega este ano a 45 concellos 

A institución provincial fomentará o encontro das distintas xeracións familiares e recuperará a historia local dos concellos de menos de 20.000 habitantes



Infogauda / Pontevedra 

 A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar as solicitudes de adhesión presentadas polos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia de Pontevedra interesados en participar na segunda edición de "Tecendo Lazos", unha iniciativa do Servizo de Cohesión Social e Xuventude destinada ás persoas, entidades e asociacións dos concellos de menos de 20.000 habitantes de Pontevedra para fomentar o envellecemento activo das persoas maiores e impulsar as habilidades sociais e a empatía das máis novas a través dunha serie de obradoiros interxeracionais de lecer e tempo libre.  

 A presidenta provincial, Carmela Silva, resaltou "o enorme éxito de convocatoria desta segunda edición, que vai chegar a un total de 45 concellos da nosa provincia". Carmela Silva lembrou que "en Pontevedra contamos con 52 concellos cunha poboación inferior aos 20.000 habitantes, polo que estamos a falar de que van participar o 86% das vilas que podían optar a desenvolver os obradoiros".  

 Estes 45 concellos adheridos a "Tecendo Lazos" son os seguintes: Arbo, Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, A Lama, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Moraña, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, O Porriño, Portas, Ribadumia, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga e Vila de Cruces.  

 O obradoiro máis demandado polos concellos foi "Xogos e xoguetes tradicionais: xogando en familia", onde as familias compartirán xogos tradicionais e tamén construirán xoguetes cos que xogaban as persoas maiores da súa familia, para que as máis novas os coñezan e tamén facer un repaso á historia, con 14 solicitudes (Campo Lameiro, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Fornelos, Meis, Pazos, Poio, Ribadumia, Rodeiro, O Rosal, Salceda, Salvaterra, Sanxenxo e Soutomaior). Despois, "O noso son", sobre cancións e bailes locais, con 13 concellos (Arbo, Caldas, Catoira, Gondomar, A Guarda, A Lama, Moaña, As Neves, Oia, Ponte Caldelas, O Porriño, Tomiño e Valga) adheridos. 

 Un total de 11 concellos desenvolverán "Faino ti mesmo" (Cambados, Covelo, O Grove, A Illa, Meaño, Mondariz, Moraña, Nigrán, Pontecesures, Portas e Vila de Cruces), onde as persoas participantes desenvolverán actividades de expresión plástica e manualidades con elementos reciclados e reutilizados coas que a Deputación de Pontevedra fomentará o respecto ao medio ambiente e tamén o desenvolvemento da creatividade e do traballo en equipo. A continuación, noutros 4 concellos terá lugar o obradoiro "Rastrexos" (Baiona, Cuntis, Silleda e Tui), no que as familias mellorarán os seus coñecementos en historia e na realidade social e cultural da súa contorna coa lectura, procura de pistas ou a documentación e, por último, 3 vilas participarán coa acción "Risos en familia" (Barro, Bueu e Mos).  

 Como novidade deste ano, todos os obradoiros do programa "Tecendo Lazos" levan incorporado un módulo, "A historia do meu concello", no que os e as participantes recompilarán as historias, lendas, contos e fotografías dos seus concellos. Ademais, elaborarán un traballo (en formato papel ou audiovisual) con todo o material que recompilen e que poderán presentar a un concurso no que a Deputación de Pontevedra premiará o mellor traballo. O premio consistirá nun catálogo de produtos ademais de 50 copias do traballo gañador.  

 Cun orzamento de 60.000 euros, o programa desenvolverá estas accións formativas a persoas, entidades e asociacións destes 45 concellos, cunha duración de 16 horas e unha participación de entre 10 e 30 persoas, das que arredor da metade serán menores de idade. Cos obradoiros de "Tecendo Lazos" a Deputación de Pontevedra porá en contacto a distintas xeracións para favorecer as relacións individuais, familiares, comunitarias e sociais das persoas que participen. Ademais, poremos en marcha estratexias e oportunidades para crear espazos para o encontro, a sensibilización, a promoción do apoio social e o intercambio de recursos, ideas e valores que produzan lazos afectivos para poder construír sociedades máis xustas, integradas e solidarias.

Ningún comentario:

Publicar un comentario