6 de ago. de 2017

A GUARDA

XUBILEO PENITENCIAL DO VOTO A SANTA TREGA: UNHA TRADICIÓN GUARDESA CON 662 ANOS DE ANTIGÜIDADE     

Celébrase o último sábado de agosto, coa participación de homes das parroquias do Arciprestazgo da Guarda  

Imaxe da protomártir Santa Trega, que se venera na ermida do Monte Santa Trega
Fotos: Infogauda

Infogauda / A Guarda   

 A Irmandade do Clamor, cuxa existencia conta con 877 anos, xa que foi formalmente establecida no ano 1140; organiza cada ano, catro celebracións na ermida de Santa Trega: a do Luns de Pentecostés, adicada ao Espírito Santo e á Virxe do Mar; o Xubileo Penitencial do Voto a Santa Trega, que orixinariamente tiña lugar o luns infraoctavo da Asunción; a festividade de Santa Trega, o 23 de setembro e a de San Esteban, o 26 de decembro. 

 Polo seu carácter, destaca sobre todas elas, o Voto, unha tradición que provén do ano 1355 - que segundo o Chronicon Conimbricense "este foi o anno mais seco que os homens viron" -, e ao que asisten únicamente homes. Segundo a tradición, o Xubileo Penitencial do Voto a Santa Trega ten relación directa cunha seca que se padeceu na comarca do Baixo Miño durante sete anos. Iso trouxo aparellada diversas epidemias que produciron desolación e miseria. No libro de San Isidoro, de Caminha, afírmase que a auga foi racionada.   

O ÚLTIMO SÁBADO DE AGOSTO CELÉBRARASE O XUBILEO PENITENCIAL DO VOTO  A SANTA TREGA



 A aparición de Santa Trega e as posteriores rogativas e actos de penitencia, foron o inicio do Voto a Santa Trega. A tradición rememorarase un ano máis, o sábado día 26 de agosto, a partires das 20:30 h., en que os homes das sete parroquias do Arciprestazgo da Guarda (Santa María da Guarda, San Lourenzo de Salcidos, A Visitación de Camposancos, Santa Mariña do Rosal, San Miguel de Tabagón, San Xoán de Tabagón e San Bartolomeu das Eiras), precedidos por unha cruz procesional partirán con carácter penitencial desde O Cancelón (O Montiño), cara ao Pico de San Francisco, un dos cumes do Monte Santa Trega. Durante a ascensión ata o santuario da discípula de San Pablo e primeira mártir do Cristianismo, rezarase o Santo Rosario e o Vía Crucis. 

 A entrada no adro do Santuario efectuarase portando a imaxe de Santa Trega e cantando as ladaíñas do Clamor. A continuación o actual Prior da Irmandade do Clamor, presidirá a celebración eucarística. Rematada ésta, procederá - en latín - a abenzoar o pan. "(...) Aínda que inicialmente o Xubileo Penitencial do Voto a Santa Trega - dixo nunha edición precedente do Voto, o párroco de Camposancos e de San Xoán de Tabagón, Ángel Soliño Fernández -, duraba tres días e desde fai moitos anos, reduciuse a súa duración, dado que comeza á tardiña do último sábado de agosto e conclúen os actos antes de medianoite; sí se mantén a bendición do pan, como recordo do xexún que efectuaban os nosos devanceiros. Sei que algúns de vós pasaredes a noite soamente con pan e auga".  

 Logo do canto do himno Veni Creator coa súa oración e a Ladaíña de Todos os Santos, que inclúe outros particulares - "(...) Santa Trega, rogai a Deus por nós, Deus ouvide a nós, Kyrieleyson, (...)" -, darase a coñecer o novo Prior, que como dixo Soliño Fernández "(... ) mentres poidamos, un ano será D. Jesús [García Villadóniga] e outro ano serei eu (...)" - e o Capelán da Misa do Alba.  

 A continuación, o prior mostrará o relicario de Santa Trega, que será bicado polos devotos, á vez que se efectuará a repartición dos pans, dando así por rematados - ao redor das 23:00 h. - os actos do Xubileo Penitencial do Voto a Santa Trega, instituido pola Irmandade do Clamor, desde o ano 1355.  

SANTA TREGA: AVOGADA DA CABEZA E DO CORAZÓN  

 A ermida de Santa Trega, na Guarda, dispón dunha reliquia do brazo da santa enviada a mediados do século pasado, polo Arcebispo de Tarragona. Ademais do relicario, que se dá a bicar aos fieis nas catro celebracións ás que antes nos referíamos, tamén existe un relicario do Lignum Crucis (anaco da Cruz na que foi crucificado Xesucristo). 

 Ao longo de todo o ano, numerosos devotos procedentes de diversos países, acoden ao santuario do Monte Santa Trega, e depositan aos pés da imaxe da protomártir Santa Trega, centos de exvotos - maioritariamente fotografías tamaño carné, que se van incorporando a álbums -, así como esmolas en metálico, agradecendo ou pregando a intercesión da santa, que está considerada avogada das doenzas da cabeza e do corazón.  

Procesión de Santa Trega no día da súa festividade. 23 de setembro

 A festividade de Santa Trega - Padroeira do Arciprestazgo da Guarda - celébrase cada 23 de setembro. Unha data na que logo de moitos anos en que as mulleres da Guarda - especialmente as da Marina -, foron quen souberon manter a devoción e a tradición; desde fai unhas tres décadas, toda a poboación guardesa participa de forma activa nas celebracións eclesiásticas, na solemne procesión e na "poxa dous froitos", así como na romaría tradicional que afortunadamente - e que sexa por moitos anos -, aínda conserva a súa esencia tradicional.

Ningún comentario: