1 de ago. de 2017

PESCA

CORES TOURÍS ANUNCIOU UNHA ACHEGA DE 118.200 EUROS PARA ACCIÓNS DE PROTECCIÓN DA BIODIVERSIDADE MARIÑA EN DÚAS CONFRARÍAS DO BAIXO MIÑO  

· A Consellería de Mar aprobou destinar así axudas as Confraría de Pescadores do Miño e da Guarda co obxectivo de recuperar o medio ambiente e fomentar a sensibilidade ambiental 

· Estas subvencións forman parte da nova orde que conta cun orzamento total de 3,4 millóns de euros 


 Infogauda / Baixo Miño

 O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, anunciou esta mañá que a aprobación de axudas para dúas confrarías do Baixo Miño por un importe global de 118.200 euros co obxectivo de poñer en marcha accións que contribúan á protección e recuperación da biodiversidade mariña así como ao fomento da sensibilización ambiental. 

 Deste xeito, beneficiaranse destas axudas bianuais as Confrarías de Pescadores do Miño e da Guarda, con 51.840 euros e 66.360 euros respectivamente. En total, esta nova orde de axudas da Consellería do Mar conta cun orzamento a nivel autonómico de 3,4 millóns de euros.  

 “En total, na provincia de Pontevedra beneficiáronse destas axudas 24 entidades profesionais do sector do mar, así como a Federación Galega de Confraría de Pescadores, que recibiu en concreto 22.800 euros”, explicou Cores Tourís, quen matizou que estas subvencións estaban destinadas a confrarías de pescadores e as súas federacións, así como as cooperativas do mar, asociacións profesionais do sector e demais entidades asociativas xuridicamente recoñecidas por profesionais do sector, sempre que teñan a súa sede social en Galicia.  

 “O obxectivo é - engadiu Cores Tourís - que estas asociacións e confrarías poñan en marcha proxectos concretos que contribúan á protección e recuperación da biodiversidade mariña, a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos seus ecosistemas, así como ao fomento da sensibilización medioambiental”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario