1 de ago. de 2017

A GUARDA

A XIV Festa do Peixe Espada pecha a súa edición máis exitosa con 1.500 quilos servidos  

Na imaxe, vista parcial da interior da carpa onde tivo lugar a XIV Festa do Peixe Espada
Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 A pasada fin de semana, A Guarda acolleu unha das edicións máis exitosas da Festa do Peixe Espada, organizada pola Organización de Palangreiros Guardeses (OR.PA.GU) en colaboración co concello da vila. Con máis de 1.500 quilos do peixe protagonista servidos, tanto os establecementos hostaleiros participantes como os organizadores coinciden en sinalar a súa satisfacción cos resultados desta décimo cuarta edición da celebración gastronómica. 


 Durante os tres días de festa, as preto de 3.000 persoas que visitaron a carpa instalada no porto guardés, puideron degustar ata 16 preparacións distintas do peixe espada elaboradas polos restaurantes participantes (Xantar, O Roxo, O Cangrexal e Xeito). Entre os máis populares, amais do tradicional peixe espada á prancha con cachelos, gozaron de boa acollida entre veciños e visitantes novas preparacións como as vieiras ou o fideuá de  espada. Estas variedades, cuxos prezos non acenderon de 8 euros, completáronse coa oferta de sobremesas  da confeitería Estévez e o posto de produtos gourmet en conserva de OR.PA.GU.   

Máis que gastronomía 

 A celebración arrancou o venres pola tarde, tras o pregón protagonizado polas campionas de Liga da División de Honra de Balonmán Feminino do Club de balonmán Mecalia Atlético Guardés. As xogadoras  aproveitaron a ocasión para amosar o novo equipamento, entre cuxos patrocinadores se atopa hoxendía OR.PA.GU.   



 Ao acto inaugural seguíronlle tres xornadas de festa, á que acudiron milleiros de persoas. Mais non só pola oferta gastronómica, senón tamén polas actividades lúdicas e deportivas dirixidas a toda a familia. Así, a tarde e a noite do venres foron amenizadas pola charanga Cantos Somos e o concerto “Tributos Rock&Pop” da Agrupación Musical da Guarda. Durante o sábado, o Coro Fuscalheiro e o grupo de Acordeóns Mascarelhas deron protagonismo á música tradicional, para dar paso a unha noite que rematou na carpa do porto coa música electrónica, da man do DJ Diego Wass.  




 A xornada gastronómica seguiu acompañada de actuacións o domingo, cos grupos de baile e gaitas Do Lusco ó Fusco e A Boalleira. Amais destas, a festa contou con mercado artesanal durante os tres días e outras actividades dirixidas aos máis pequenos: inchables, pintacaras, obradoiros e os cursos de vela ofertados polo Club Alagua. O entorno do porto converteuse durante os tres días nun espazo de diversión e entretemento para maiores e cativos.    

II Campionato Galego Inclusivo de Náutico Adaptado  


 Durante a mañá do sábado celebrouse o IV proba da segunda edición do Campionato Galego Inclusivo de Náutico adaptado, organizado polo Club Náutico Sen Amarras dentro desta XIV Festa do Peixe Espada. A proba contou con 14 equipos participantes, con membros con e sen discapacidade, que tiveron que realizar probas nun percorrido polo porto guardés cun tempo máximo de 4 minutos. Os vencedor neste torneo foi equipo formado por Fabián de Saa e Rocío Penedo, seguidos de Pedro Nunes e Ignacio Martínez, nun segundo posto; e o equipo formado por Mónica Rodríguez e Óscar Gallego, que ocuparon o último lugar do podio.   


 Os vencedores recibiron os seus trofeos da man do Capitán da Comandancia Naval do Miño, Ignacio Tobarra García, o presidente de OR.PA.GU, Joaquín Cadilla Castro, e a concelleira de Turismo e Desenvolvemento Económico, Monserrat Magallanes Álvarez.  



 OR.PA.GU agradeceu dun xeito especial o apoio prestado polo Concello da Guarda na organización e desenvolvemento desta XIV edición da Festa do Peixe Espada, “a máis exitosa desde que se recuperou a festa” no ano 2016, apuntou a xerente da organización, Juana Parada. Namentres, dende o Concello existe a vontade de continuar impulsando a celebración gastronómica, que ano a ano contribúe ao impulso do turismo na vila, así como á promoción dos seus produtos e o bo facer dos seus hostaleiros. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario