2 de ago. de 2017

PATRIMONIO

Román Rodríguez define o espazo do illote de Areoso como “Un dos xacementos arqueolóxicos máis importantes de Galicia” 

O conselleiro comproba in situ os traballos que se están a executar no illote co fin de escavar e documentar a mámoa 4, a de maior tamaño que se coñece na zona

A actuación, que conta cun orzamento superior aos 70.000 euros, rematará no mes de setembro coa restitución dos terreos e procurando adoptar un sistema que demore a súa erosión polo mar  

O titular do departamento de Cultura destaca que estas accións de investigación e divulgación axudan a dar coñecer entre o público xeral, así como a poñer en valor, o rico patrimonio arqueolóxico co que conta Galicia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, comprobou in situ os traballos arqueolóxicos que se están a executar no illote de Guidoiro de Areoso (A Illa de Arousa)


Infogauda / A Illa de Arousa 

 O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, comprobou esta mañá in situ os traballos arqueolóxicos que se están a executar no illote de Guidoiro de Areoso (A Illa de Arousa). A intervención, que comezou o pasado día 17 de xullo, –e rematará, segundo as previsións, o próximo mes de setembro– céntrase na mámoa 4, a de maior tamaño que se coñece no illote. O conselleiro definiu este espazo como “un dos xacementos arqueolóxicos máis importantes de Galicia” debido á súa gran riqueza, posto que este monumento presenta un interese excepcional desde o punto de vista da investigación arqueolóxica, xa que non semella ter sido alterado por buscadores de tesouros.
 O titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia destacou que esta actuación –cuxo orzamento ascende a 70.206,15 euros– contribúe a dar a coñecer e poñer en valor entre o público xeral o rico patrimonio arqueolóxico co que conta Galicia. Unha vez finalizado o estudo, restituiranse os terreos e procurarase adoptar un sistema que demore a súa erosión polo mar.
 Durante a visita, Román Rodríguez estivo acompañado pola directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Ínsua; así como polo equipo de arqueólogos que dirixen a escavación.

Continuación dos traballos de documentación de 2016

 Cómpre lembrar que os primeiros pasos da intervención xa se deron no ano 2016, cando se executaron traballos de documentación xeométrica e rexistro superficial das mámoas 3 e 4, así como traballos de prospección intensiva de todo o illote na procura de materiais arqueolóxicos en superficie.
 Froito destas accións recolléronse abundantes fragmentos de cerámica e obxectos líticos puídos, así como dous fragmentos dunha mandíbula humana que poñen de manifesto que no illote se realizaron máis enterramentos alén das mámoas. En todo caso, e tal e como remarcou o conselleiro, a actuación máis importante é a que se está a executar este verán, posto que se actúa sobre un punto considerado estratéxico, como é a mámoa 4, para poder recoller máis información detallada acerca do valor arqueolóxico do illote.
 Ademais, tamén é importante salientar a participación de diversos equipos de investigación das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Burdeos (Francia), que tomarán mostras como parte dun proxecto propio no que están a investigar as ocupacións prehistóricas do illote.

Restos coñecidos

 Guidoiro Areoso é un illote de apenas 8 hectáreas de superficie situado na Ría de Arousa. O illote está incluído no inventario do patrimonio cultural de Galicia, xa que figura no catálogo de bens culturais a protexer do Plan Xeral de Ordenación Municipal da Illa de Arousa, aprobado polo pleno da corporación municipal o 14 de febreiro de 2002. Cómpre sinalar que tamén está protexido medioambientalmente, ao formar parte da zona de especial protección dos valores naturais do Complexo intermareal Umia -O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira, da Rede Natura 2000.

 Hoxe está aproximadamente no medio da Ría de Arousa, a uns 1.400 m en liña recta da Illa de Arousa, pero ata hai uns 3.500 anos o nivel do mar situábase entre 5 e 7 metros por baixo do actual. Nesas condicións seguramente formaba parte dunha península unida ao continente. Ao manterse illado desde entón, nunca cultivado e cuberto na súa maior parte por unha duna, conserva importantes restos arqueolóxicos prehistóricos que son coñecidos desde 1988.

 En concreto, coñécense un total de 5 monumentos megalíticos (mámoas), 5 estruturas tipo cista (caixas feitas con pedra), probablemente funerarias, así como abundantes indicios de ocupación durante o Neolítico e a Idade do Bronce (fundamentalmente cerámicas e ósos de animais). Todos estes restos están situados na zona intermareal, nos solos antigos enterrados baixo a area, onde a acción do mar os vai deixando á vista, polo que corren perigo de destrución.

Ningún comentario:

Publicar un comentario