2 de ago. de 2017

TURISMO

Nava Castro reivindica os valores do turismo mariñeiro como un aliciente máis para achegarse aos destinos de costa todo o ano 

A directora de Turismo de Galicia participou na presentación do libro do fotógrafo Xurxo Lobato ‘Vento nas velas’, que divulga a cultura mariñeira a través das súas embarcacións tradicionais, os seus oficios, a súa arquitectura ou as súas festas

Portada do libro Vento nas velas. Embarcacións tradicionais e cultura marítima de Galicia, do fotógrafo Xurxo Lobato


Infogauda / Sanxenxo

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na presentación do libro do fotógrafo Xurxo Lobato Vento nas velas. Embarcacións tradicionais e cultura marítima de Galicia. A obra supón unha notable achega á divulgación do patrimonio mariñeiro galego, un legado que constitúe un patrimonio de gran importancia. Castro animou a aproveitar o seu enfoque turístico e convertelo deste xeito nun aliciente máis para poder gozar dos destinos de costa ao longo de todo o ano.
 Na súa intervención na presentación, que tivo lugar no Concello de Sanxenxo, Nava Castro referiuse á nova obra de Xurxo Lobato como “un libro de memoria divulgativa que recupera imaxes e linguaxes a veces esquecidos” mantidos gracias aos galegos que viven e coñecen o mar desde hai séculos. A directora de Turismo subliñou o importante papel que as xentes do mar poden xogar no desenvolvemento do turismo mariñeiro nas súas respectivas zonas.
 Nesta liña, Nava Castro sinalou que a Estratexia de turismo de Galicia 2020, a folla de ruta na que a Administración e o sector plasman os retos e as oportunidades neste eido, recolle o interese do turismo mariñeiro. Nesta estratexia propóñense accións encamiñadas ao seu fomento, na procura da conexión entre os turistas e os profesionais do mar, de modo que o sector primario local poda compartir o seus coñecementos e experiencias cos viaxeiros.

Museos e oficios do mar


 Moitos deles están reflectidos nas fotografías de Vento nas velas, que mostran a diversidade de embarcacións tradicionais como dornas, gamelas, galeóns, botes, traíñas, bucetas, racús ou xeiteiras. A nova obra está acompañada de citas dos escritores galegos máis destacados e de reflexións de especialistas na cultura, na arquitectura ou na etnografía mariñeira. Faros, estaleiros de ribeira, museos e festas do mar ou oficios como o das redeiras contan co seu espazo nas máis de 140 páxinas que compoñen a obra presentada por Nava Castro.

 “A cultura mariñeira ten neste libro un dos seus maiores embaixadores”, afirmou a directora de Turismo. Por iso confiou en que os seus futuros lectores se animen despois a practicar o turismo mariñeiro, unha modalidade que idenficou co turismo tranquilo, de calidade e que aposta polos valores diferenciadores do destino, tal e como pretende a Estratexia do turismo de Galicia 2020. Como lembrou Nava Castro, en combinación coa natureza, a gastronomía, os deportes náuticos ou a práctica do surf, este conta cun enorme potencial por diante.

Ningún comentario:

Publicar un comentario