1 de ago. de 2017

CULTURA

O investigador Xosé Enrique Acuña recupera a figura da galega Mercedes Mariño, unha actriz pioneira 

A publicación ‘Estrela e eclipse de Mercedes Mariño’ está centrada na traxectoria da monfortina, artista destacada no cine, no teatro e na música do século XX 

A súa participación en ‘El veneno de un beso’ (Cuba, 1929) converteuna na primeira actriz galega cun papel protagonista nunha longametraxe en América  

A obra, que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura, foi presentada esta mañá no marco das Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia



Infogauda / O Carballiño

 A obra Estrela e eclipse de Mercedes Mariño rescata a figura desta esquecida actriz galega que destacou polo seu labor no cine, no teatro e na música no século XX. O investigador pontevedrés Xosé Enrique Acuña afonda na traxectoria da artista monfortina nesta obra que acaba de ver a luz co apoio do Concello do Carballiño e da Consellería de Cultura e Educación, a través Secretaría Xeral de Cultura.
“Desde a Xunta de Galicia colaboramos con este traballo polo interese para a nosa construción cultural; para poñer en valor esas voces da nosa historia, nomeadamente femininas, que foron inxustamente esquecidas”, asegurou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, esta mañá na rolda de prensa na que se deu a coñecer o volume e que tamén contou coa participación do autor da publicación e mais do alcalde do Carballiño, Francisco Fumega. “En realidade –precisou Anxo Lorenzo–, cando traemos ao presente calquera aspecto artístico da nosa historia estamos tamén reconstruíndo o propio tempo actual, a propia contemporaneidade”.

Debut pioneiro en Nova York



 Mercedes Mariño foi unha actriz de cine e de teatro da que non se dispoñían practicamente de datos sobre a súa traxectoria nestes campos, malia a importancia da súa figura. Nacida do municipio lucense de Monforte de Lemos en 1909, emigra de nena a Cuba xunto coa súa familia. Alí, na capital, iniciará cedo a súa formación artística a través da Agrupación Artística Gallega, que lle abrirá as portas para pasar a formar parte de compañías profesionais da Habana. Segundo explica Acuña no seu libro, aos 18 anos contrátana para actuar en Nova York ao lado da diva italiana Mimí Aguglia, “coa que comparte escenarios de Harlem con obras de teatro en español”. “Con esta xira, Mercedes Mariño consegue ser a primeira artista nacida en Galicia que, en papel protagónico, debute como actriz en Nova York”.

Primeira protagonista dunha longametraxe en América



 De volta na capital cubana, desenvolverá unha exitosa traxectoria en diversos escenarios da cidade, así como no cine e na televisión, e “conságrase definitivamente como unha referencia da escena cubana”. Ás ordes do director Ramón Peón, Mariño interpretará o papel protagonista da primeira longametraxe muda do cinema cubano, El veneno de un beso, no ano 1929. “Coa participación nesta cinta, Mercedes Mariño converterase na primeira actriz galega que protagoniza unha longametraxe en América”, sinala Acuña.
 Antes de regresar a España, en 1931, terá tamén un papel pioneiro na radio, co incipiente teatro radiofónico. Neste medio ofrecerá concertos ao lado dalgúns dos músicos máis destacados de Cuba. Unha vez en Madrid, participará en espectáculos teatrais de grande éxito durante a República, sen deixar de lado a súa faceta como cantante. De feito, en 1932 converterase “na primeira galega en editar gravacións con música propia do século XX”.

Dirección teatral



 Durante o conflito bélico, participará en proxectos escénicos de apoio á República e, logo dun silencio forzoso, avanzada a década dos corenta, en 1946, actuará no filme Abel Sánchez, ópera prima de Carlos Serrano de Osma. Dous anos máis tarde instalarase na Coruña, onde “se configura como a primeira muller que en Galicia dirixe un grupo de teatro con vocación profesional”. Finalmente, “rematada e frustrada esta experiencia en 1949, o seu periplo vital afástase definitivamente tanto do teatro, como do cine e a canción”.

As XXXIII Xociviga



A presentación da publicación sobre Mercedes Mariño tivo  lugar no marco da Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia (Xociviga), que se desenvolven desde o pasado 30 de xullo e ata o 4 de agosto no Carballiño. Nesta trixésimo terceira edición, ademais de lle render homenaxe ao actor coruñés Fernando Rey, no centenario do seu nacemento, o festival audiovisual decano na nosa Comunidade ofrece un programa con proxeccións de títulos de ficción e documentais galegos, cinema internacional, exposicións, publicacións e un certame de curtas, entre outras iniciativas.
 A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia a celebración das Xociviga 2017, encontro que, organizado polo Concello do Carballiño, constitúe un dos festivais audiovisuais subvencionados este ano a través da convocatoria de axudas da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) para este tipo de encontros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario