3 de ago. de 2017

A GUARDA

Actividades culturais, deportivas, musicais e tradicionais, copan a primeira fin de semana de agosto na Guarda


Infogauda / A Guarda

 Agosto arrinca na Guarda cunha primeira fin de semana cargada de actividades culturais, deportivas, festivas e tradicionais, dirixidas a todo ó público. A festa en honra a San Caetano comeza esta noite e rematará este domingo 6 de agosto no barrio da Cruzada, incluíndo programación musical e gastronómica, namentres as actividades deportivas concentraranse na xornada do sábado, co Galifornia Beat, o Trofeo de Hóckey Liña e a Carreira Pedestre no marco das Festas do Monte Santa Trega.  

 O barrio da Cruzada da comezo ás Festas de San Caetano esta noite, ás 21:00 horas, coa subida do arco floral. 

 Continuarán as xornadas festivas o venres, coa sardiñada a partir das 21:00 horas, seguida das actuación da orquestra Costa Blanca; e o sábado, coa gran verbena da man de Los Soprano e Ámbar. Ámbolos dous días contarán co pasacalles a cargo do grupo de gaitas A Boalleira.  

 O domingo pola mañá será a quenda dos actos relixiosos, coa celebración da misa solemne ás 11:30 horas e a posterior procesión partindo da capela de San Caetano, acompañada polo grupo de gaitas A Boalleira e o coro parroquial. Xa pola tarde, a partir das 19:00 horas, realizaranse as tradicionais puxas e, tras delas, o grupo de pop-rock guardés Songodin’s ofertará un concerto.  


 O sábado 5 de agosto será o gran día do deporte. Especialmente, daqueles relacionados coa cultura urbana no marco da terceira edición de Galifornia Beat, organizada por Skateboarding360 en colaboración co Concello da Guarda. O evento “multideportivo e multicultural”, segundo o definen os organizadores, terá lugar na Atalaia do porto guardés a partir das 10:00 horas e contará con competicións en tres modalidades de skateboarding: Street skate ou patinaxe de rúa; miniramp, na que os skaters fan uso de pequenas ramplas; e S.K.A.T.E, unha modalidade de competición a dúo na que os contrincantes poñen a proba a destreza do outro na realización de determinados trucos. 

 As actividades deportivas complétanse coa oferta de clases de break dance e a práctica de flyboard e hoverboard, dúas modalidades acuáticas que permiten elevarse sobre a auga e para cuxo desfrute é preciso inscribirse previamente a través da páxina www.flyboardvigo.com. Amais destas, as persoas que se acheguen á Atalaia -na que haberá postos de artesanía, comida, bebida e inchables para os cativos- poderán presenciar as pintadas de graffitis e os concertos, que se celebrarán a última hora da tarde. 


 As primeiras actividades deportivas das Festas do Monte Santa Trega serán tamén o sábado, a partir das 18:00 horas. Por unha parte, no pavillón das Solanas disputarase o Trofeo Festas do Monte de Hóckey Liña, con categorías senior e amateur. Paralelamente, partirá da Alameda da Guarda a tradicional Carreira Pedestre Popular, cuxa inscrición permanecerá aberta ata mañá ás 19:00 horas, na páxina www.trega.es. Tamén é posible a inscrición de xeito presencial, para o que as persoas interesadas deben achegarse ata a Alameda esta tarde entre as 18:00 e as 20:00 horas ou mañá entre as 17:30 e as 19:00 horas.  

 A Festa do Monte Santa Trega, con todo, arrincará oficialmente o próximo luns, 7 de agosto, co pregón inaugural a cargo dun responsable do Real Club Celta de Vigo, precedido pola benvida do alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba Baz. As grandes festas guardesas continuarán durante toda a semana, cunha programación cultural, deportiva, festiva e lúdica intensiva, ata o 15 de agosto.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario