3 de ago. de 2017

PORTAS

OS REDUTORES DE VELOCIDADE DO PLAN MÓVESE CHEGAN ÁS ESTRADAS PROVINCIAIS DO CONCELLO DE PORTAS 

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez anunciou que o municipio contará con once pasos de peóns sobreelevados solicitados polo Concello 


Os traballos en Portas iniciáronse a mediados de xullo con tres brigadas de traballo (albañilería –para adaptar as beirarrúas existentes-, aglomerado e pintado
Fotos: D.P.

Infogauda / Portas (Pontevedra)

 Os dispositivos de calmado de tráfico do Plan Móvese da Deputación de Pontevedra, pasos de peóns sobreelevados e redutores físicos de velocidade de vehículos, están sendo instalados xa en varios puntos das estradas provinciais do concello de Portas. Segundo indicou o deputado Uxío Benítez, este municipio verá finalizadas os once ‘lombos’ solicitados polo Concello nos vindeiros quince días. 


 Os traballos en Portas iniciáronse a mediados de xullo con tres brigadas de traballo (albañilería –para adaptar as beirarrúas existentes-, aglomerado e pintado) da empresa Covsa. As obras supoñen a instalación de tres pasos de peóns sobreelevados (PPS) na estrada EP-8101 Portas-Romai nos puntos quilométricos 0+770, 2+400 e 3+570, con largos de entre 8 e 9 metros. Tamén se instalarán outros tres ‘lombos’ na EP-0507 Portela-Valiñas-Portas 8de entre 7 e 8 metros de largo, conectando as beirarrúas existentes; haberá outro PPS na estrada EP-8004 Caldas-Vilanoviña de 9 metros de largo no punto 2+260, e outros catro na EP-9407 Goulla-Porráns (todos de 7 metros). Todos eles, ademais da correspondente sinalización vertical, botóns e captafaros, levarán tamén como novidade –igual que todos os PPS que está a instalar a Deputación- unha lenda de advertencia aos peóns na primeira banda do paso de cebra: ‘Atención. Mirar Esquerda-Dereita’ . 

 O deputado nacionalista Uxío Benítez Fernández indicou que as actuacións do Plan Móvese deseñáronse logo de ter recibido  as solicitudes dos concellos, que enviaron á Deputación as ubicacións nas que consideraban que se debían instalar redutores de velocidade por problemas de seguranza viaria. Esas peticións foron despois supervisadas por funcionario provinciais que realizaron os axustes técnicos correspondentes.  

 O departamento de Mobilidade executará este ano preto de 600 elementos de calmado de tráfico en toda a provincia logo de recibir máis dun milleiro de peticións. Está previsto que cara ao próximo exercicio se realice unha segunda fase do plan logo do éxito e bo acollemento da primeira edición. Benítez indicou que a Deputación puxo en marcha o Plan Móvese para diminuír a violencia  viaria na súa rede de vías mediante o calmado do tráfico, un dos eixos do departamento de Mobilidade nos últimos dous anos. Segundo argumenta, a redución da velocidade con elementos físicos é o único xeito efectivo para que realmente os coches vaian máis devagar: “A Deputación está a utilizar os únicos elementos que teñen efectos reais: os dispositivos físicos, que obrigan a parar aos condutores, queiran ou non, porque os sinais ou os radares e as multas, na práctica, non funcionan e só teñen unha función recadatoria”, argumentou Benítez. 

 Ademáis do Plan Móvese, o departamento de Mobilidade da Deputación tamén está a traballar de forma simultánea no Plan de Sinalización Horizontal, polo que se vai repintar máis da metade da rede viaria provincial. No Concello de Portas realizarase a renovación das marcas nas estradas EP-8102 entre Briallos –Portas do Conde e EP-9407 Goulla-Porráns.

Ningún comentario: