28 de ago. de 2017

A GUARDA

DEPORTES

O MECALIA ATLÉTICO GUARDÉS PRESENTOU SÚA PLANTILLA PARA Á TEMPADA 2017/2018

O evento fixo pequeno o Auditorio ao aire libre San Bieito

Plantilla de xogadoras do Mecalia Atlético Guardés para a tempada 2017/2018

Vista parcial do respectable público no auditorio ao aire libre San Bieito asistindo á presentación o Mecalia Atlético Guardés
Fotos: Infogauda

Infogauda / A Guarda

 Na tardiña de onte, domingo día 27 de agosto de 2017, o auditorio ao aire libre San Bieito, quedouse pequeno para acoller os afeccionados do Mecalia Atlético Guardés e os veciños de A Guarda e súa contorna que non quixeron perderse o acto de presentación dos equipos do clube de balonmán e por suposto das "guerreiras" que ostentan o título de campioas de balonmán DHF, da Liga Loterías.

 O evento comezou a tardiña, coa firma de autógrafos e pouco despois, coa presentación das plantillas dos diferentes equipos do Mecalia Atlético Guardés.

 Unha escolma de vídeos de toda á tempada precedente 2016/2017, sería o pano de fondo que daría paso á presentación de cada unha das xogadoras que na tempada 2017/2018 van a loitar como elas saben facelo, para voltar a pór o termo municipal de A Guarda, en todas e cada unha das crónicas do balonmán da DHF.


Xogadoras e corpo técnico do Mecalia Atlético Guardés
Ninguén quixo perderse á presentación do equipo de campioas do Balonmano Feminino de España

  Con toda unha posta en escea do máis coidado, ainda que sen ningún tipo de ostentación, a organización do evento de onte ben merece un sobreínte alto. E como era de prever, á resposta do público non pudo ser mellor.

 Desde as bancadas do auditorio e desde a Praza de San Bieito, tódolas olladas estaban postas en cada unha das xogadoras - Marisol Carratú, Rosario Urban, Luciana Mendoza, Ana Rodrigues, Inés Hernández, Alesia Kurchankova, África Sempere, Estela Carrera, Anthía Espiñeira, Estela Doiro, Rebeca Castell, Carla Gómez, Marta Méndez, Jénnifer Gutiérrez e Naiara Egozkue - do Mecalia Atlético Guardés que unha a unha foron subindo o esceario entre os aplausos do público, que todo hai que decilo tamén estivo de 10.

 Unha vez presentada a plantilla e corpo técnico, houbo unha entrega de agasallos ás empresas que copatrocinan o equipo do club Balonmán Atlético Guardés.

 Como correspondía nun acto así, Estela Doiro, capitana do equipo dirixiuse o público como tamén  o fixo o adestrador José Ignacio Prades, e finalmente o presidente da entidade, José Manuel Silva Vicente.

 Silva Vicente non dubidou en deixar ben claro o nivel e esixencia deportiva que teñen todas e cada unha das xogadoras, e que o grado de compromiso co equipo non vai a ser menor que o da tempada precedente.

 Tamén relembrou que o pavillón debe mellorarse, polo ben de todos, e para iso non dubidou en mencionar que agarda todo o apoio institucional para logralo, comezando polo do alcalde Antonio Lomba.

 Por certo, que en nome do concello de A Guarda, o alcalde recibiu unha camiseta enmarcada, coas sinaturas de tódalas xogadoras do Mecalia Atlético Guardés, campioas da DHF Liga Loterías, tempada 2016/2017. 

 Outra camiseta sería recibida por Joaquín Cadilla Castro, presidente de OR.PA.GU., organización que debuta nesta tempada 2017/2018 como copatrocinadora do equipo de balonmán da División de Honra Feminina. 

 O presidente do Mecalia Atlética Guardés fixo un chamamento a tódolos asistentes para apoiar o equipo o longo de toda a tempada que ven de comezar, e un óptimo xeito é mercando o carnet de aboado.

 Tamén avanzou que para o vindeiro mes de novembro estará preparada unha publicación que recopilará os 50 anos de existencia do Club Balonmán Atlético Guardés, proxecto no que xa están traballando Francisco Valderrama Cuiñas e Celso R. Fariñas. 

 Calquer persoa que dispoña de material relacionado coa traxectoria deportiva do clube, pode contactar con esas persoas para súa incoporación no libro que se editará.

 Asemade, relembrou que o vindeiro sábado día 2 de setembro, o Mecalia Atlético Guardés enfrontarase no pavillón das Travesas, na cidade de Vigo, ao Rocasa na procura da Supercopa de España.

 A festa de presentación rematou a noitiña, con gran ilusión para tódolos afeccionados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario