4 de ago. de 2017

A GUARDA.

A EXPOSICIÓN “ARTE DO ADENTRO” PERMANECERÁ ABERTA Ó PÚBLICO NO CENTRO CULTURAL DA GUARDA 

Durante a semana das Festas do Monte Santa Trega 
   

Infogauda / A Guarda

 A exposición “Arte do adentro” é unha mostra dos artísticos traballos dalgúns integrantes do colectivo SOMOSARTE, no Centro Cultural, coincidindo coa semana das Festas do Monte Santa Trega na Guarda, do 7 ó 15 de agosto. Poderá visitarse en horario de 10:00 a 13:00 h. e de 19:00 a 22:00 h. 

 SOMOSARTE é un grupo de pintores e escultores do Baixo Miño e arredores. Nesta ocasión, expoñen tres pintores/as: por unha parte, Libia Domínguez, de Goián, alumna do pintor Antonio Fernández, mostra o seu afán de crear e compartir emocións a través das representacións da paisaxe, as xentes e a naturaleza galega mediante diferentes técnicas pictóricas. Por outra parte, Nacho Martínez (Naa), natural da Guarda, estudou Arquitectura e Interiorismo, o que provoca que a súa pintura hiperrealista semelle transformar o cotián en construccións visuais en planos superpostos. 

 Asemade, nesta mostra tamén participa Mónica Taboada (Puntal), natural de Camposancos. Artista autodidacta que debuta nesta mostra. Segundo afirma súa obra é unha declaración de intencións, un espazo de liberdade onde a expresividade cromática toma as rendas, uníndose coa súa paixón polas pedras, as que tamén teñen cabida nas súas creacións. Temos constancia de que na execución das obras emprega técnicas mixtas con moita carga matérica.

 Ademáis, catro son os escultores “somosartes” que expoñen a súa “Arte do adentro”: Ignacio Moure (Moure), nado en Tomiño, é un autodidacta buscador de formas, que dende neno sinte curiosidade polas expresións que calquera materia lle tramite. Pola súa parte, o guardés Anxo Ferreira formouse na Escola de Canteiros de Poio (Pontevedra) e ten participado en exposicións e certames de cantería dende 1993, aínda que na actualidade traballa na restauración da Catedral de Santiago de Compostela. Mentres, o vigués Adrián Pena é torneiro artístico, isto é, a súa obra fusiona o torneado de madeira con outros materiais (resina, oso, etc.), despois de instruirse cos mellores torneiros nacionais (As Pontes, Madrid, Málaga, etc.). 

 Por último, Xuxo Malone é un autodidacta guardés que practica a arte en moitas das súas vertentes: a escultura (en cerámica, deseño, modelado, torno, etc.), o debuxo ou a pintura (lápiz, carbón, pluma, óleo, etc.).  

 A mostra de SOMOSARTE é unha cita ineludible para os amantes da pintura e escultura en xeral, pero tamén para coñecer os artistas da nosa zoa, nun contexto tan especial na Guarda por estas datas como son as Festas do Monte Santa Trega.

Ningún comentario:

Publicar un comentario