27 de xul. de 2017

TUI

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA E CONCELLO DE TUI, ASINAN O CONVENIO PARA REALIZAR UNHA ACTUACIÓN INTEGRAL DE MELLORA 

NAS DÚAS ESTRADAS PROVINCIAIS DA PARROQUIA DE CALDELAS EN TUI

A actuación ten un orzamento de 589.051,81 euros e será financiada cunha achega do 80% pola institución provincial e do 20% da administración local  

Crearase unha senda peonil e unha glorieta para reordenar o tráfico, así como variospasos de peóns sobreelevados e redutores de velocidade

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, asinando o convenio co alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, en presenza do deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, e membros da Corporación Municipal de Tui

Infogauda / Caldelas de Tui

 A Deputación de Pontevedra vén de dar hoxe un paso adiante para que o proxecto integral de mobilidade sostible para as estradas provinciais EP-3004 e EP-2505 na parroquia de Caldelas en Tui sexa unha realidade. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, xunto co deputado de Mobilidade Uxío Benítez, asinaron co alcalde Enrique Cabaleiro o convenio de colaboración polo que se executarán obras de mellora cun orzamento de 589.051,81 euros,dos que o 80% chegará da institución provincial e o 20% da administración local. Nos vindeiros días iniciarase a licitación dos traballos que, se non hai impedimento administrativo, poderán comezar cara a finais de ano.  

 A intención desta mellora, segundo explicou o responsable do departamento de Mobilidade Uxío Benítez, é aumentar a seguranza viaria na zona facendo convivir os tránsitos rodados cos peonís nunha área residencial na que viven máis 1.000 veciños e veciñas e que ten no seu contorno diferentes equipamentos: un centro escolar público, un CRA e un centro de educación especial, o cemiterio, a igrexa de San Martiño e tamén a zona de Os Baños e as sendas fluviais de Tui e Salvaterra.  

 “Ao chegar ao goberno marcamos unha Estratexia de Mobilidade clara e un cambio de prioridades. Pensabamos que o modelo do PP de facer beirarrúas de 1,5 metros estaba rematado e a nosa aposta foi cambiar a quen diriximos as nosas políticas, actuacións e recursos, que son as persoas e os grupos máis vulnerables, para deixar para último lugar o vehículo privado e promover unha maior seguridade para a veciñanza. Dende aí aprobamos un decálogo de criterios no que os peóns son a prioridade e traballamos con criterios de seguridade, sustentabilidade, inclusión e participación”, apuntou.  

 A actuación en Caldelas de Tui, dixo o nacionalista, está orzamentada en 589.051,81 euros e suporá un proxecto “que xera riqueza e conecta a zona norte co sur e o río Miño” no que o calmado do tráfico, moi solicitado polos veciños e veciñas, será prioritario. Instalaransedez pasos de peóns sobreelevados en diferentes puntos, así como seisredutores físicos de velocidade que obrigarán aos condutores a circular máis devagar, creando para toda a vía unha limitación máxima de velocidade de 30 quilómetros por hora (zona 30).  

 Así mesmo, construirase unha senda para fomentar a mobilidade peonil nun ámbito de actuación de 2,4 quilómetros de lonxitude e cun mínimo de 2,5 metros de largo, aproveitando a sección actual da vía e ampliando a plataforma en lugares puntuais –aínda que non foron precisas cesións-. Ademais, mellorarase a intersección entre as dúas estradas EP-2505 e EP-3004 (que conflúen en forma de V na zona do antigo Cuartel da Garda Civil) coa instalación dunha glorieta que reordenará os fluxos de tráfico que levan ao concello veciño de Salceda de Caselas. 

 No proxecto, segundo dixo Benítez,inclúese taméno redeseño do espazo existente xunto a igrexa de San Martiño, tratando de poñelo en valor mediante unha pavimentación especial e a disposición de mobiliario urbano, buscando convertelo nun lugar con prioridade para os peóns, aproveitando a súa situación xunto aun elemento de certo valor patrimonial.  

 Segundo explicou o deputado Benítez, a día de hoxe, a obra conta xa co visto bo de Patrimonio, a licitación será inmediata e o proceso de contratación durará uns catro meses aproximadamente. Unha vez feita a adxudicación, a obra deberá estar feita nun prazo de medio ano.  

Obra que marca “un antes e un despois” na provincia 

 Pola súa parte, a presidenta da Deputación Carmela Silva indicou que “con este convenio que firmamos co Concello de Tui pretendemos que se cumpran os obxectivos da Estratexia de Mobilidade 3.0 para que os veciños e as veciñas poidan atoparse cun lugar atractivo e amable para as persoas. Obras como estas que se van facer en Tui van marcar un antes e un despois na nosa provincia.” 



 Silva indicou que a Estratexia de Mobilidade 3.0 que está a aplicar o departamento dirixido por Benítez “faime sentir moi orgullosa porque temos un proxecto claro para a provincia. Detrás hai unha aposta por unha forma diferente de entender o territorio e o papel das persoas nel. Nós apostamos pola vida, porque a xente poida desfrutar do espazo onde viven e baixo os criterios de mobilidade e seguridade. Afastámonos dunha construción do territorio pensada para os vehículos, nas que as persoas son expulsadas. Queremos facilitar a accesibilidade universal. Que tódalas persoas, nenos, nenas, persoas maiores, persoas con diversidade funcional, en definitiva calquera poida desfrutar das nosas infraestruturas”.  

 Finalmente, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agradeceu á presidenta e ao deputado de Mobilidade “o empeño e tesón” que puxeron para levar adiante o proxecto, que vertebrará a parroquia de Caldelas cun cambio de filosofía para apostar polas persoas. “Aumentamos esta estrada, a única provincial que quedaba por humanizar, nunha rúa, aumentando a seguridade dos veciños. Máis alá dos avatares políticos destes días, este goberno sempre terá vontade de sacar adiante os proxectos para os veciños de Tui sen pensar quen os materializa”, subliñou.   

 Así mesmo, Cabaleiro lanzou unha mensaxe á Xunta de Galicia, da que dixo que -a diferencia da boa receptividade da Deputación para mellorar as estradas provinciais- aínda non respostou ás solicitudes do Concello para humanizar a PO-440. Subliñou que os propios veciños puxeron en marcha unha recollida de sinaturas para adecuar a vía de titularidade autonómica nunha zona na que conflúen diferentes equipamentos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario