14 de xul. de 2017

SANTIAGO DE COMPOSTELA

A Facultade de Medicina da USC acolle o pase previo do documental O templo de Galeno que narra a súa historia  

• O documental, que se emitirá na Televisión de Galicia, narra a historia da actual sede da Facultade de Medicina, inaugurada en 1928 e que deixará de funcionar case un século despois para trasladarse á contorna do CHUS   

• Destacadas figuras da docencia e da sanidade galegas así como historiadores, expertos en arte e arquitectos explican a historia da facultade e da medicina compostelanas do último século



Infogauda / Santiago de Compostela

 O tempo de Galeno. Historia dun símbolo é o título do documental que narra a historia da que foi a primeira sede propia da Facultade de Medicina de Santiago de Compostela, o actual edificio da rúa San Francisco. A idea deste documental xurdiu tras o inicio dos trámites para construír unha nova facultade na zona da Choupana, na contorna do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS) a onde se trasladaron xa boa parte dos servicios universitarios ligados á titulación. 



 O documental desvela, ao longo de 45 minutos, o devir do actual edificio –e por extensión da medicina compostelá do último século–, para o que conta con documentos históricos, fotografías de época, imaxes actuais e, por suposto, a intervención de profesionais de distintos ámbitos que ofrecen información e anécdotas de gran interese para conformar a imaxe completa da facultade e da propia titulación, xa que a narración sobre o actual edificio enmárcase na historia dos estudos de Medicina na universidade compostelá, que datan de 1648.  

Intervencións no documental 

 É precisamente o actual decano da Facultade, o Dr. Juan Jesús Gestal Otero, quen explica estes inicios da titulación en Santiago así como a xénese tanto do actual edificio como do proxecto previsto para o Campus Vida. O Dr. Xosé Carro Otero, presidente da Real Academia de Medicina de Galicia fala da sona médica de Santiago, a famosa Fonte Limpa, como xerme do prestixio actual da titulación.  

Dr. Juan Jesús Gestal Otero, actual decano da Facultade
Fotos: Bolanda Edicións

 O catedrático de Anatomía Javier Jorge explica o papel desta disciplina fundamental nos estudos; a profesora xubilada Carmen Porto fala de como cambiou o papel da muller na universidade e na medicina, mentres que os doutores Joaquín Potel e Sánchez Salorio explican que supuxo o peche do Hospital Real –actual Hostal dos Reis Católicos– tras case catro séculos, para pasar aos novos hospitais de Galeras e, máis tarde, ao de Conxo e ao novo Clínico.  

 O doutor Avelino Franco fala do Museo Nacional de Anestesia que el mesmo puxo en marcha e que terá un espazo destacado na nova facultade, mentres que os doutores Carlos Diéguez  e José Castillo falarán do CIMUS e do IDIS, dous centros de investigación ligados á Facultade e que son hoxe en día punteiros no mundo. Como tamén o é o Instituto de Medicina Legal e a persoa que o puxo en marcha, o Dr. Ángel Carracedo recoñecido internacionalmente. Outro dos nomes destacados da actual medicina compostelá é o do catedrático de Ortodoncia David Suárez Quintanilla, quen explica a importancia da incorporación dos estudos de Odontoloxía como titulación independente. 


 Ademais destes grandes nomes da medicina, no documental participan outros expertos como o catedrático de Historia da Arte da USC José Manuel García Iglesias que fala da pinacoteca da facultade; o arquitecto Xerardo Estévez, que explica as peculiaridades e anécdotas ligadas á construción do actual edificio e o historiador Ricardo Gurriarán, que fai un percorrido pola historia máis triste da facultade, a referida á guerra civil e á posguerra.  

 Todos eles son só unha pequena representación dos centenares de nomes ligados durante o último século á Facultade de Medicina compostelá e que fixeron desta titulación unha das máis prestixiosas e recoñecidas do mundo.  

 Presentación e pase previo  

 O documental, unha produción de Edicións Bolanda para a Televisión de Galicia, será presentado polo seu decano, o Dr. Juan Gestal, nun pase previo que terá lugar este martes, 18 de xullo, ás 20:00 horas no salón de actos da Facultade de Medicina de Santiago. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario