5 de xul. de 2017

PONTEVEDRA

A Xunta de Galicia destaca o labor investigador do botánico pai Merino cunha xornada en Lourizán no centenario do seu pasamento 

· O director xeral de Ordenación Forestal inaugurou o seminario e puxo en valor esta figura senlleira recoñecendo a súa contribución ao acervo floral galego

· Baltasar Merino, xesuíta burgalés afincando en Galicia, elaborou un herbario que reúne miles de variedades, cuns 12.000 pregos en total  

O director xeral de Ordenación Forestal e do Instituto Galego da Calidade Alimentaria, Ingacal (no que se integra o Centro de Lourizán) destacou na súa intervención o carácter autodidacta deste investigador

Infogauda / Pontevedra

 O director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, destacou antonte a figura do botánico Baltasar Merino e a súa contribución ao coñecemento e difusión da flora de Galicia. Foi na xornada conmemorativa do primeiro centenario do pasamento deste ilustre científico, botánico burgalés afincado en Galicia, que faleceu en 1917 en Vigo.
 Este foro celebrouse no Centro de Investigación Forestal de Lourizán, situado en Pontevedra e que depende da Consellería do Medio Rural. Nel participaron expertos deste centro e das universidades de Santiago de Compostela e Vigo. A temática da xornada xirou arredor deste investigador, das súas obras e traballos como meteorólogo e ecólogo, así como da súa influencia sobre os botánicos que o seguiron no coñecemento da flora e a vexetación. Tamén abordaron os herbarios elaborados por Merino ao longo da súa vida. Entre eles salienta o que leva o seu nome e que reúne miles de variedades, cuns 12.000 pregos en total.
 O herbario Merino foi cedido ao Centro de investigación de Lourizán en 1945, aínda que unha parte trasladouse á Facultade de Bioloxía de Santiago. O labor deste pai xesuíta foi de gran importancia para o coñecemento da flora galega. A súa achega contribúe a fornecer o herbario de Lourizán, que inclúe en total uns 80.000 pregos de plantas, outros 15.000 de fungos e 5.000 de insectos.


 O director xeral de Ordenación Forestal e do Instituto Galego da Calidade Alimentaria, Ingacal (no que se integra o Centro de Lourizán) destacou na súa intervención o carácter autodidacta deste investigador e a súa vocación tardía, xa que comezou a practicar a botánica con case 50 anos. Salientou ademais a súa formación humanística e lembrou que Merino formou parte dun grupo de científicos denominados “afeccionados” que lograron paliar coa súa dedicación e entusiasmo o inmovilismo da investigación universitaria da época nalgúns campos de coñecemento.
 Fernández-Couto sinalou que o pai Merino deixou a docencia á idade de 55 anos, para dedicarse en exclusiva á investigación, faceta na que se iniciou pouco tempo antes. E indicou que os seus traballos en botánica caracterizáronse por un grande esforzo empírico de recolleita de mostras e observación, nun momento no que a carencia de medios e de bibliografía sobre o tema eran limitacións que el supliu con iniciativa e co apoio de destacados botánicos da época, como Carlos Pau Español e o naturalista Víctor López Seoane.
 Para levar adiante este labor, Baltasar Merino realizou numerosas expedicións por toda Galicia e contou coa colaboración de antigos alumnos, curas das parroquias rurais e outras persoas que lle facilitaban informacións e mostras. Na xornada de hoxe, á que asistiron varias decenas de especialistas na materia, púxose de manifesto todo este esforzo investigador e súas as achegas para o mellor coñecemento da flora e a vexetación de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario