6 de xul. de 2017

BAIXO MIÑO

PISTOLETAZO DE SAÍDA PARA EXECUTAR OS PROXECTOS FINANCIADOS CON FONDOS EUROPEOS NO TERRITORIO DO MIÑO   

A presidenta da Deputación Carmela Silva reclamou hoxe en Tui que na próxima estratexia de fondos estruturais o 100% dos fondos do POCTEP sexan para territorios reais de fronteira  

O deputado Uxío Benítez exhortou aos alcaldes da raia a prepararse para a segunda convocatoria de axudas que se abrirá antes de final de ano cunha nova candidatura “consensuada, forte e atractiva”  

Ademais da presidenta da Deputación de Pontevedra e do deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, entre outros representantes institucionais tamén estiveron no acto a alcaldesa de Tomiño e os alcaldes de As Neves, Salceda, Tui, A Guarda e Arbo, así como varios concelleiros e presidentes de cámaras lusas
Fotos. D.P.

Infogauda / Tui


 Os proxectos Visit Rio Minho para potenciar o turismo no territorio transfronteirizo do Miño e SmartMinho, que pretende crear un instrumento de cooperación estable para os concellos da fronteira da provincia de Pontevedra e norte de Portugal, veñen de recibir o seu “pistoletazo de saída”. A Deputación de Pontevedra xa aceptou oficialmente no Pleno da Corporación a subvención de tres millóns de euros para as dúas iniciativas, que están cofinanciadas polos fondos europeos do FEDER (ao 75%) dentro da primeira convocatoria de axudas do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 INTERREG V A.  

 Este avance, que dará paso ao traballo de campo e á realización de actuacións concretas, foi anunciado hoxe pola presidenta provincial da Deputación e o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez nun acto que se celebrou en Tui coa participación da CIM Alto Minho, representantes do CETMAR e dos concellos e das cámaras beneficiarios, entre outras autoridades. “Este é un novo paso no camiño. É importante porque marca a saída e dende a Deputación xa estamos a dar pasos cos equipos técnicos no análise do territorio, xa temos un cronograma de actuacións e tamén unha imaxe corporativa deseñada”, indicou Benítez.   

 O deputado explicou que o proxecto SmartMinho –que lidera a Deputación- é unha proposta inmaterial que ten un orzamento total de 942.022,47 euros (do que o 75% vén dos fondos FEDER) e pretende unha cooperación intelixente entre ambas partes do Miño. Ao abeiro desta iniciativa deberase propoñer unha estratexia de actuación para o territorio que rodea o río, crear a nova Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza (AECT) como ferramenta xurídica institucional para actuar, e que demostrar a viabilidade do traballo en conxunto entre concellos pontevedreses e cámaras portuguesas a través de actuacións concretas de xeito ‘piloto’ no ámbito da cultura e a mobilidade (con proxectos sobre o patrimonio inmaterial en colaboración de Ponte nas Ondas, festivais de música transfronteirizos, foros culturais, e a posta en funcionamento da liña compartida de transporte público entre o eixo Vigo-Tui-Valença, entre outros).  

 Pola súa banda, o presidente da Câmara de Vila Nova de Cerveira explicou que o proxecto Visit Rio Minho acadou dous millóns de euros (75% financiado polo FEDER) e pretende poñer en valor os elementos naturais do Miño para atraer o turismo. Subliñou, neste sentido, a importancia de ter presenza en eventos tan importantes como Fitur ou BTL ou organizar visitas profesionais de ‘opinionmakers’, así como crear un evento ecoturístico na zona ofertando experiencias de natureza, cultura, gastronomía e animación.    

Nova candidatura 
 Unha vez presentadas as actuacións concretas que xa obtiveron fondos europeos para o Miño, tanto a presidenta da Deputación Carmela Silva, o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez como o vicepresidente da CIM Alto Minho (socios nos proxectos) coincidiron en esixir que os fondos europeos do POCTEP se destinen realmente ás zonas de fronteira.   

 Silva sinalou que é fundamental que na vindeira estratexia de fondos europeos estea contemplado o desenvolvemento de territorios e poboacións de menos de 20.000 habitantes e, concretamente, do territorio do Miño. Neste sentido apostou por crear lobbies e “moverse en Bruxelas para estar presentes no Comité das Rexións e esixir as nosas demandas”, co fin de que o POCTEP destine o cen por cen dos seus fondos a territorios transfronteirizos. “O territorio do Miño ten un enorme futuro. É obriga das administracións que estea presente para recibir actuacións, e por iso tamén é fundamental que as comunidades autónomas, os gobernos centrais e Europa dean apoio ás infraestruturas de conexión. A saída sur do ferrocarril en Vigo, por exemplo, debe ser unha cuestión de primeira orde”, asegurou.  

“Queda moito por desfronteirizar” subliñou o deputado Uxío Benítez 

 Pola súa banda, o deputado Uxío Benítez instou aos alcaldes presentes a esixir tamén a Europa que os fondos do POCTEP queden na fronteira para compensar aos cidadáns que sufriron a separación administrativa directamente. “Queda moito por desfronteirizar”, subliñou, para convidar aos rexedores a elaborar unha nova candidatura á segunda convocatoria das axudas europeas, das que queda o 30% por repartir -probablemente antes de que finalice este ano 2017-. “Ten que ser unha candidatura consensuada, forte e atractiva para captar os fondos. É o xusto porque debiamos ter recibido máis cartos aínda para o proxecto VisitMinho”, subliñou o nacionalista.

 Pola súa banda, o vicepresidente da CIM Alto Minho, Jorge Mendes, destacou que os territorios de Galicia e o Norte de Portugal están cada vez máis integrados e socialmente unidos xa que os seus cidadáns “pasan a fronteira sen pensar que o é, con moita naturalidade”. Así, Mendes instou aos políticos a contribuír a esta unidade e defender os dereitos dos cidadáns, polo que criticou a determinadas administracións que, sen traballar con territorios transfronteirizos, optan a fondos do POCTEP en lugar de deixalos a organismos que pretenden potenciar áreas e poboacións administrativamente separadas.     

CETMAR 

 No acto de presentación de Tui estiveron presentes tamén outros socios do proxecto (a Universidade de Vigo escusou a súa ausencia), como a representante do CETMAR Paula Rueda, quen explicou que a participación do Centro Tecnolóxico do Mar na iniciativa ‘VisitMinho’ supón un paso adiante na colaboración transfronteiriza para o propio centro, xa que antes traballara con universidades portuguesas, pero nunca con câmaras.   

 “Nós xa traballamos estudando o estuario do Miño, pero cando nos propuxeron que traballaramos nos 70 quilómetros entre Galicia e Portugal puxémonos mans á obra, porque hai que poñer os alicerces para que o Miño transfronteirizo sexa unha da zonas máis significativas de Europa”, dixo. Neste sentido, Rueda salientou que no percorrido pontevedrés do río hai dez espazos declarados como de interese natural tanto por cuestións biolóxicas como medioambientais e outros tantos susceptibles de ser recoñecidos como tales. “Este proxecto tenta converter un valor ambiental nun valor económico. Tentaremos que a ruralidade moderna dos núcleos que hai ao longo do río se convertan nunha singularidade que faga obrigada a súa visita sempre dende un punto de vista respectuoso, sustentable e de calidade, sen esquecer nunca que para recabar este turismo que é o que nos convén hai que ofrecer espazos de calidade e respectuosos consigo mesmos”, finalizou.  

 Entre outros representantes institucionais tamén estiveron no acto a alcaldesa de Tomiño e os alcaldes de As Neves, Salceda, Tui, A Guarda e Arbo, así como varios concelleiros e presidentes de cámaras lusas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario