7 de xuño de 2017

TOMIÑO

O “Turonia 2017″ movilizará a un centenar de escolares, polos lugares máis emblemáticos de Tomiño  


Infogauda / Tomiño

 Os colexios públicos de Tebra, Barrantes,  Sobrada,  Pintor Antonio Fernández e Pedro Caselles realizan conxuntamente os días 8 e 9 deste mes, a actividade “Turonia 2017”, que consistirá nun percorrido cos alumnos e alumnas de 6º curso por distintos lugares de Tomiño, para coñecer a súa historia e peculiaridades de cada recanto do concello.  

 Esta actividade lévase facendo xa dende hai 17 anos, e significa para os nenos e nenas participantes unha oportunidade tamén para relacionarse entre os diferentes colexios.  

 Fanse saídas diferentes por cursos, e os de 6º (uns 100 alumnos) son os que realizan a grande Turonia, que dura dous días. Nesta ocasión porán a atención especial na promoción do turismo rural polo municipio.  

 Esta saída de 6º, segundo informa Alfonso Lorenzo (director do CEP Pedro Caselles), realizarase os días 8 e 9 de xuño, co seguinte percorrido:  

Día 8:  Concentración no colexio Pedro Caselles  para saír en bus ao Monte Tetón (petróglifos), onde se visitarán os xacementos arqueolóxicos. Dirixirémonos logo pola ladeira do monte cara San Salvador de Tebra, e no terreiro deste lugar faremos un descanso de merenda. Logo continuaremos polo lado esquerdo do val cara Hospital, e nese lugar faremos o xantar, a cargo do CEIP de Barrantes. 

 Pola tarde continuaremos ruta ata o Río da Pedra,  onde recibiremos a visita duns xinetes cos seus cabalos, que amosarán ao alumnado as habilidades ecuestres.  

 Logo pasaremos polas instalacións de Veraleza, empresa adicada ao tratamento e distribución de flores e plantas ornamentais, para rematar no colexio Pedro Caselles, onde pernoctaremos.  

Día 9:  Almorzo e saída pola senda do río Pego cara Vilachán,  e logo camiñamos ata Estás, onde tomarán a merenda. Dende alí seguirán a Figueiró. Comida nesa parroquia. Pola tarde imos cara Goián transportados en bus, ata chegar ao embarcadoiro para realizar unha actividade de piraguas coa colaboración de Os Teixugos. Alí rematará a actividade de Turonia e recolleranos os pais.  

 Para poñer en marcha isto, precísase moito esforzo de organización e recursos económicos que faciliten a oferta da actividade aos alumnos:  comidas, material de traballo que levan, camisetas conmemorativas, persoas de apoio que veñen a dar charlas aos alumnos, etc.  

 Por tal motivo, a forma de conseguir realizar esta actividade pasa pola financiación conxunta entre os colexios, concello, ANPAS e comunidades de montes, así como outras entidades públicas ou privadas que puideran colaborar.  

 Así pois, o Concello de Tomiño colabora con nós de forma moi relevante, feito que agradecemos especialmente:  -Xestión diante dos servizos de Protección Civil para dispor dun apoio continuado durante as dúas xornadas.  

-Xestión coa Policía Local para que en puntos perigosos nos que cruzar estradas de tráfico importante, realicen un control do mesmo que garanta a seguridade.  

-Preparación e revisión das instalacións no colexio onde pernoctarán (Barrantes), para asegurar o bo funcionamento da auga quente, electricidade, etc.  

-Transporte do material do alumnado (mochilas, sacos de durmir,…) entre os colexios.  

-Financiamento de  tres buses para o día 8, para transportar ao alumnado dende o CEP Pedro Caselles ata o Monte Tetón.  

-Financiamento dun autobús para o día 10 pola tarde, para transporte do alumnado dende Figueiró ata o colexio de Goián.  

-Xestión diante do club “Os Teixugos” para realizar a actividade de promoción do piragüismo no río.  

-Calquera outra cuestión de carácter loxístico que se poida precisar por parte de persoal do Concello”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario