29 de xuño de 2017

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA PON EN MARCHA UN PLAN DE REHABILITACIÓN DE FIRMES PARA AS ESTRADAS PROVINCIAIS CUN ORZAMENTO ANUAL DE PRETO DE 4,4 MILLÓNS DE EUROS  

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez anunciou que o acordo marco aprobarase este venres no Pleno provincial e será prorrogable ata 2021  

Uxío Benítez, deputado de Mobilidade
Foto: D.P.

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra vai poñer en marcha un Plan de Rehabilitación de firmes para as estradas provinciais cun orzamento anual de preto de 4,4 millóns de euros. Segundo anunciou hoxe o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, o acordo marco para contratar as obras aprobarase mañá no Pleno da Corporación debido á súa alta contía, e será prorrogable ata 2021, cando o investimento chegará aos 19,6 millóns de euros.  

 Benítez explicou hoxe que a Estratexia de Mobilidade 3.0 da Deputación contempla un programa de Mobilidade segura no que o labor de conservación e mantemento da rede viaria provincial é prioritario. Neste sentido, o deputado subliñou que as infraestruturas viarias sofren problemas nos seus firmes de xeito puntual, con afundimentos, peraltes defectuosos, pavimentos deslizantes en curvas, ou fendas derivadas do uso que é necesario atallar de forma efectiva. “Precisamos instrumentos que garantan o bo estado da rede provincial de estradas, que nos fagan ser áxiles á hora de actuar e que funcionen con garantías”, dixo, para explicar que a intención da Deputación é convocar un Acordo Marco xeral que regulará a contratación das obras de conservación dos firmes. 

 Este Acordo Marco permitirá actuar de xeito planificado ao departamento de Mobilidade para a mellora de estradas que presenten deficiencias puntuais. Así, en función dos problemas que se detecten nos asfaltados das estradas, dos seus aforos e intensidades medias diarias de vehículos, os técnicos poderán priorizar e executar as actuacións necesarias para realizar rehabilitacións de firmes en treitos e localizacións concretas. “Non se trata dun plan para actuar no continuo de toda unha vía. Iso encadraríase na planificación de estradas e das actuacións singulares para a mellora global das estradas. A intención deste plan é ser áxiles no mantemento cando hai unha deficiencia, realizando unha actuación localizada, xa que actuando rapidamente evítase que o deterioro vaia a maiores e que sexan precisas reformas integrais que supoñen un investimento moito maior”, subliñou. 

 O deputado de Mobilidade explicou que no pleno de mañá venres iniciarase a tramitación parapoder iniciar as primeirasobras en 2018. Grazas ao acordo marco adxudicaranse obras por lotes a cinco empresas diferentes que terán asignadas cinco zonas de actuación na provincia, divididas e referenciadas en función da estrutura de vixiantes que ten a Deputación.  

 A cifra de 4,4 millóns anuais é o máximo de gasto que se permitirá anualmente e calculouse segundo a estimación dos técnicos provinciais. En función das necesidades detectadas iranse redactando as memorias de actuación e utilizando o orzamento segundo sexa preciso. Cabe a posibilidade de aprobar prórrogas dos contratos ata 2021, cando o investimento podería acadar os 19,6 millóns de euros. 

 “Este é un modelo que permite a Lei de Contratación e que tamén utiliza a Xunta e o Estado para planificar a conservación de estradas. Consideramos que tamén será positivo para o mantemento da rede provincial porque nos permitirá actuar en menos tempo”, subliñou Benítez. 

 Zonas de actuación 
 No primeiro dos cinco lotes que se sacarán a contratación estarán as estradas de Pontevedra, Vilaboa, Cerdedo-Cotobade, Barro, Poio, Cangas, Moaña, Marín, Bueu, Caldas de Reis, Portas, Moraña e Campo Lameiro. O orzamento de execución por contrata é de 1.06.478,92 euros.  

 O lote número dous inclúe os concellos de Ponte Caldelas, A Lama, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Redondela, Soutomaior, Ponteareas, Salvaterra de Miño, As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario, A Cañiza, Covelo, Arbo e Crecente, cun investimento de licitación de 711.896,06 euros.  

 O terceiro lote agrupa aos concellos de Lalín, Dozón, Rodeiro, Agolada, Vila de Cruces, Silleda, A Estrada, Cerdedo-Cotobade, Forcarei e Cuntis, cun orzamento de 1.120.051,36 euros.  

 O lote número catro inclúe a Vigo, Nigrán, Baiona, Gondomar, Porriño, Salceda de Caselas, Mos, Redondela, Tui, Tomiño, Oia, Rosal, A Guarda, Ponteareas e Salvaterra, cun orzamento de 802.313,15 euros. 

 Finalmente, o lote cinco corresponde aos concellos de Valga, Pontecesures, Catoira, Cambados, O Grove, Sanxenxo, Meaño, Meis, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e Illa de Arousa, cun orzamento de 699.868,86 euros. 

 O Acordo Marco de 4,4 millóns de euros anuais para a mellora de firmes súmase aoutros investimentos de mantemento e conservación da Deputación. Nese campo tamén se están a executar 5,5 millóns de euros destinados ao Plan de Mobilidade e Velocidade Segura (MóVESE) para o calmado de tráfico e ao Plan de Sinalización Horizontal, que terán continuidade nos vindeiros anos.  

 Por outra parte tamén están en marcha actuacións singulares para promover unha mobilidade segura, sustentable e inclusiva con melloras integrais para diferentes estradas provinciais, dentro do Plan de Actuacións 2017-2018 que se presentou recentemente, polo que se van investir outros 22 millóns de euros na rede viaria provincial. 

 Catálogo-inventario 
 O deputado de Mobilidade explicou tamén que a Deputación iniciará este venres en Xunta de Goberno a contratación dun novo catálogo-inventario das estradas provinciais, xa que o actual data de 2004 e está totalmente desactualizado tanto dende o punto de vista da información que manexa como dende a utilización das novas tecnoloxías.  

 A intención é obter un novo catálogo con imaxes en 360º que recolla todos os elementos da estrada e os das súas marxes en tempo real, así como incorporar un software que permita traballar con datos de accidentalidade, de tráfico, ou auscultación e que permitan unha mellor xestión das estradas ademais da posibilidade de xerar búsquedas ou informes concretos. 

 De feito, o novo catálogo realizará unha recompilación de datos nos que se incluirán as características do contorno das vías provinciais (tipo de terreo, de pavimento, desmontes e noiros, cunetas, beirarrúas, beiravías, elementos de borde, medianas, accesos…), xeométricas (radios de curvatura, rasantes, número de carrís, plataformas, peraltes…); equipamentos (sinalización horizontal e vertical, balizamento e seguranza viaria, zonas de servizo, descanso, estacionamento e recreo…) ou puntos singulares e incidencias (marcos, túneles, pasos superiores e inferiores, pasos a nivel, travesías e variantes de poboación ou enlaces e interseccións), entre outros.  

 Na base de datos tamén se recollerá unha nube de puntos que servirá de base cartográfica para que o departamento de Mobilidade poida redactar novos proxectos. “Trátase dunha ferramenta complementaria ao labor dos técnicos, e tamén moi importante para realizar todas as labores de conservación e mantemento necesarias”, subliñou Benítez. O orzamento para a contratación do novo catálogo é de 217.195 euros.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario