29 de xuño de 2017

PONTEVEDRA

O PP propón á Deputación de Pontevedra que recupere as axudas para dotar de vehículos aos colectivos da provincia 

• Sinalan que non só se trata de unha medida de apoio económico ao sector e ao emprego, é dar resposta a unha demanda recorrente de transporte por parte dos colectivos sociais e deportivos da provincia. 

• Defenden que estes vehículos son fundamentais para garantir que que os colectivos poidan desenvolver a súa actividade. 

Salomé Peña e Luis Aragunde con un directivo do Club de Piragüismo Cambados, xunto a un vehículo desa entidade deportiva

Infogauda / Cambados

 O grupo provincial do Partido Popular propón á Deputación de Pontevedra que recupere a liña de axudas para dotar aos colectivos sen ánimo de lucro da provincia, de vehículos con fins asistenciais ou deportivos. Segundo explican os deputados provinciais, Salomé Peña e Luis Aragunde, no pleno deste venres presentarán unha moción que pretende recuperar esta liña de axudas tendo en conta o éxito das convocatorias anteriores, xa que non só se trata de unha medida de apoio económico ao sector e ao emprego, senón que o principal obxectivo é dar resposta a unha demanda recorrente de transporte por parte dos colectivos sociais e deportivos da provincia. 

 Os populares achegáronse ata o Club de Piragüismo Cambados, un dos beneficiarios das convocatorias que fixo a Deputación hai xa varios anos. Concretamente, esta furgoneta ten 10 anos de antigüidade e case 400.000 quilómetros.  

 Xunto ao presidente do club, os populares recordaron que as últimas furgonetas que se mercaron con estes plans provinciais son de hai cinco anos, “polo que xa son moitos os colectivos que precisan renovar ou adquirir un vehículo ou furgoneta nova que lles permita desenvolver a súa actividade”, explica Aragunde. Como exemplos, sinalan o caso dos clubes de piragüismo, que precisan destas furgonetas para desprazarse desde o seu club ao lugar de competición cada semana por toda Galicia ou incluso fóra da comunidade, ou o caso das asociacións benéficas e asistenciais, que precisan un vehículo adaptado para desprazar aos seus usuarios. 

 O PP defende que a provincia conta ao longo do seu territorio cun numeroso tecido asociativo que desenvolve, de maneira constante e ao longo de todo o ano, multitude de actividades nos ámbitos cultural, deportivo, social e veciñal. A labor destas entidades, engaden os populares, non sería asumible por ningunha administración pública, xa que o traballo e dedicación das persoas que están ao fronte caracterízase pola súa máxima dedicación aos demais a cambio de nada. 

 “Por iso é fundamental o apoio das institucións para garantir que esta labor social, deportiva ou incluso cultural continúe desenvolvéndose en cada un dos concellos desta provincia”, engade Salomé Peña. 

 A través destes plans, entre os anos 2009 e 2012, repartíronse 109 vehículos en toda a provincia. A Deputación contaba co patrocinio e colaboración de entidades como a fábrica Citroën de Vigo ou entidades bancarias, que permitiu chegar coa axuda  a un maior número de beneficiarios, cun prezo de adquisición moi por debaixo do custe de mercado.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario