29 de xuño de 2017

LABORAL

A FGAMT-CIG saúda o cambio de actitude da Xunta e que abra, por fin, canles de diálogo

Á espera do resultado da xuntanza deste xoves, as centrais manteñen o pulso mobilizador


CIG / Santiago de Compostela

 O sector de transportes da FGAM-CIG saúda que a Consellaría de Infraestruturas teña reaccionado por fin e convoque unha reunión tripartipa para esta mesma tarde, no formato que fora pactado hai dúas semanas entre a administración, a patronal e as centrais sindicais. Porén, non podemos deixar de lamentar a tardanza desta reacción e que tiveran que realizarse catro xornadas de folga total no sector e pór enriba da mesa a posibilidade dunha folga indefinida para que a Consellaría por fin actuara, cando o único que se lle pedía era respecto ao marco de negociacións acordado. 

 Como vimos defendendo dende o inicio do conflito, temos total disposición ao diálogo, mais iso non supón abandonar as accións mobilizadoras. Resulta obvio que abrir canles de diálogo e unha mesa de negociación con  todas as partes implicadas é fundamental para resolver o conflito e acadar un plan de transportes que garanta os empregos, as condicións laborais e un servizo adecuado ás necesidades da cidadanía e as características do noso territorio. 

 Agardamos que a Consellaría acuda á xuntanza desta tarde cunha actitude aberta, con disposición á negociación real e coa perspectiva de termos por diante tempo abondo para elaborar o mellor proxecto posíbel. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario