12 de xuño de 2017

PONTEVEDRA

"Depo en marcha" ofrecerá cen obradoiros dirixidos á mellora da calidade da terceira idade en 39 concellos 

A iniciativa da Deputación de Pontevedra busca favorecer o envellecemento activo a través da oferta de 8 actividades distintas  



Infogauda / Pontevedra
 O Goberno provincial presidido por Carmela Silva aprobou a adxudicación da xestión, desenvolvemento e execución de "Depo en marcha" á UTE formada polas empresas Forox Innovación, S. L. e Marexada, Deporte, Lecer e Cultura, S. L., que ofertaron un prezo por actividade de 744.15o euros, que serán as responsables de organizar un total de 100 obradoiros con 8 temáticas distintas pensadas para a terceira idade. "Depo en marcha" é unha iniciativa do Goberno provincial destinada a fomentar o envellecemento activo a través de diferentes actividades.  

 Segundo explicou Carmela Silva, a licitación supuxo un aforro de case 50.000 euros con respecto ao orzamento inicial previsto para este 2017 que era de 120.000 euros, semellante ao do ano pasado, o que supón unha redución do 40 %. Á oferta presentáronse un total de 7 empresas, das que resultou elixida a citada UTE formada polas empresas Forox Innovación,  S. L. e Marexada, Deporte, Lecer e Cultura, S. L., que marcou un prezo por actividade de 744,150 euros, IVE incluído.  

 A presidenta destacou a importancia que teñen iniciativas como esta, destinadas a "favorecer o envellecemento activo e que queren contribuír á optimización das oportunidades de saúde, participación e seguridade da terceira idade", así como a establecer relacións sociais e favorecer a participación en actividades que melloren o estado anímico das persoas maiores. "Depo en marcha" persegue así mesmo, potenciar movementos de participación e de cooperación social, promover espazos de encontro e intercambio de experiencias e favorecer a independencia destas persoas para evitar o illamento e situacións de soidade.  

 Por outra parte, un total de 270 entidades de maiores, persoas xubiladas e pensionistas de toda a provincia solicitaron participar este ano en "Depo en marcha", das que 216 cumprían todos os requisitos e polo tanto son as adxudicatarias dos 100 obradoiros que se van a realizar. O prezo da matrícula será de 6 euros por actividade.  

 Os 8 obradoiros que se impartirán nesta ocasión serán Traballando coas Mans: arte con flores, cestería, elaboración de xabóns, iniciación ao encaixe de palillos, restauración de mobles e tapicería e manualidades; Entre Fogóns: cociña galega, conservas artesanais, licores caseiros, panadería e repostería e tapiñas e petiscos; Aprendendo da Natureza: plantas medicinais; Móvete: pilates, ioga, ximnasia de mantemento e zumba; Activando Corpo e Mente: conservando a memoria, musicoterapia, risoterapia e control e manexo da ansiedade e o estrés; Enredando: xogos tradicionais e teatro; Dálle Marcha: bailes de salón, pandeireta e canto popular; En Rede: internet, correo electrónico e manexo do móbil, informática de iniciación e informática avanzada.  

 As actividades terán lugar en 39 concellos da provincia: Agolada, Arbo, Barro, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Lalín, Marín, Meaño, Moaña, Moraña, Mondariz, Mos, Nigrán, Pazos, Poio, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tui, Valga, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario