12 de xuño de 2017

PONTEVEDRA

O Goberno de Carmela Silva aproba 675.000 euros para proxectos nas comarcas do Morrazo, Redondela, Baixo Miño e Deza 

As achegas, na liña 1 do Plan Concellos 2017, están destinadas a mellorar sendas peonís e ciclistas, rúas, estradas, saneamento e espazos culturais e municipais  


Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra
Foto: D.P.

Infogauda / Pontevedra

 A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a concesión de axudas por valor de 675.000 euros, enmarcadas na liña 1 do Plan Concellos 2017, para acometer novos investimentos nos concellos de Moaña, Redondela, Pazos de Borbén, O Rosal, Tomiño, Lalín e Agolada.  

 En Concreto, a Moaña achéganse máis de 171.000 euros para dous proxectos que impulsarán a reforma e acondicionamento de espazos de uso cultural e municipal. Pazos de Borbén e Redondela executarán, cunha axuda de 165.000 euros, melloras en sendas peonís e ciclistas e obras de saneamento de núcleos rurais; mentres que O Rosal e Tomiño levarán a cabo reformas de estradas municipais e peonís por case 176.000 euros. Pola súa banda, Lalín e Agolada actuarán, cunha achega de 174.000 euros, sobre rúas, paseos fluviais e espazos públicos.  

 Carmela Silva subliñou que "con estas e outras axudas aprobadas levamos xa distribuídos case 14,4 millóns de euros, é dicir, o 56 % da liña 1 que, como saben, este ano ten un orzamento de 25.750.000 euros". A presidenta da Deputación de Pontevedra manifestou a importancia destas achegas "sen as que os concellos da nosa provincia dificilmente poderían facer fronte ás súas competencias, impulsar novos investimentos ou novos proxectos en beneficio das súas veciñas e veciños".  

 Ademais, Carmela Silva lembrou que "este ano o Plan Concellos ten unha dotación de 41,2 millóns de euros, unha partida un 3 % maior que a aprobada no 2016 e que, entre as súas tres liñas estratéxicas, leva aprobados xa máis de 33,2 millóns de euros desde xaneiro, é dicir, o 80,55 % do plan".  

 O MORRAZO  
 No caso concreto da comarca do Morrazo, Moaña recibirá 171.380,13 €, dos cales 99.380,13 € serán para a reforma do centro cultural "Daniel Castelao" e 72.000 € para o acondicionamento da antiga casa do Concello e praza de Abastos. Con estas achegas, Moaña ten o 62,81 % do Plan Concellos 2017 aprobado que, este ano, ascende a 965.408,21 € e que está a permitir, entre outras cuestións, adquirir embarcacións para o salvamento, arranxo de fachadas no CEIP Reibón, afrontar gasto corrente novo e contratar a 29 persoas para garantir os servizos municipais.  
 REDONDELA E PAZOS DE BORBÉN  
 A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou destinar 76.479,62 € para que Pazos de Borbén invista na senda peonil e ciclista entre Moscoso e Xunqueiras. O concello ten, ata o momento, o 85,19 % do orzamento que lle corresponde do Plan Concellos deste ano o que lle está a permitir poñer en marcha a ampliación da rede de saneamento, a mellora e asfaltado de camiños en Amoedo, afrontar gasto corrente novo e contratar a 19 traballadoras e traballadores para garantir os servizos municipais.  

 No caso de Redondela, o concello recibirá 88.365,26 € para o saneamento no barrio das Nogueiriñas, O Viso e Redondela. Con esta aprobación, o concello ten xa adxudicado o 52,34 % do Plan Concellos 2017 e xa pode adquirir colectores de saneamento e un palco modular para eventos, afrontar gasto corrente novo e contratar a 29 persoas para garantir os servizos municipais.  

 O BAIXO MIÑO  
 O Rosal recibirá 71.995 € para a mellora parcial da estrada de Couselo. Esta achega, sumada ás xa aprobadas ata o momento no concello, significan o 40 % do orzamento que lle corresponde ao Rosal do Plan Concellos 2017. A través deste plan, o concello está tamén xa a impulsar actividades culturais e turísticas, así como afrontar gasto corrente novo e contratar 14 traballadoras e traballadores para prestar os servizos municipais.  

 Pola súa banda Tomiño beneficiarase de 103.792,97 € para o financiamento de investimentos na senda peonil no camiño novo. No caso deste concello, con esta aprobación, ten adxudicado o 71,62 % do Plan Concellos deste ano a través do cal está a mellorar o campo de fútbol de Carballa, acondicionar estradas municipais, reformar o patio da escola do Seixo, impulsar o saneamento do rural e a contratar 25 persoas para garantir a prestación dos servizos municipais.  

 DEZA  
 No caso dos concellos dezáns, Agolada recibirá 97.248,21 € para a mellora de camiños de titularidade municipal con firme de formigón. Con esa aprobación, o concello ten xa adxudicado o 100 % do Plan Concellos a través do cal a Deputación de Pontevedra achega 506.741,11 € á vila para a adquisición de maquinarias para vías e obras, o impulso da seguridade en pontes, a posta en marcha de actividades de artesanía, cultura e deporte así como a contratación de 17 traballadoras e traballadores.  

 Pola súa banda, o Goberno da institución provincial aprobou destinar 76.468,25 € a Lalín para que poida acondicionar o paseo fluvial do río Pontiñas e a zona do Auditorio de Lalín. Ata o momento, Lalín ten adxudicado o 54,85 % do orzamento do Plan Concellos que lle corresponde para este ano e xa está a poñer en marcha actuacións como a ampliación do edificio do Centro Social de Prado, o acondicionamento do Multiusos Lalín Arena, a mellora na pista de Froxán e no acceso a Fondevila, actividades culturais, turísticas, deportivas e educativas así como a contratación de 37 persoas para garantir a prestación dos servizos municipais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario