29 de xuño de 2017

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA INCORPORARÁ A TODOS OS BOLSEIROS DA SEGUNDA PROMOCIÓN DA ‘FACULTADE DA COMPOSTAXE’ PARA ATENDER AS DEMANDAS DOS CONCELLOS  

A presidenta Carmela Silva e o vicepresidente Mosquera entregaron hoxe os diplomas aos novos mestres e mestras composteiros  

Os bolseiros manifestaron sentirse orgullosos por formar parte da equipa “que cambiou ou intentou cambiar o modelo de xestión de residuos da provincia de Pontevedra” 

Carmela Silva e César Mosquera, presidenta e vice-presidente, respectivamente, da Deputación de Pontevedra, cos novos bolseiros do Plan Revitaliza, que recolleron candanseu diploma acredidativo de haber pasado con éxito o curso da ‘Facultade de Compostaxe’ neste ano 2017

Fotos: D.P.

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra incorporará como bolseiros a todos os aspirantes que pasaron con éxito o curso da ‘Facultade de Compostaxe’ neste ano 2017 ao abeiro do Plan Revitaliza. Así o confirmou hoxe o vicepresidente provincial, César Mosquera, quen xunto coa presidenta Carmela Silva entregou aos bolseiros os diplomas acreditativos de ter a formación necesaria para traballar como mestras e mestres composteiros nos concellos da provincia.  

 Mosquera explicou que a segunda promoción da ‘Facultade de Compostaxe’ demostrou ter un nivel de calidade e compromiso comparable aos alumnos do primeiro ano, e manifestou a intención da institución provincial deampliar o número de bolseiros contratados en prácticas. O vicepresidente lembrou que nun primeiro momento a intención era adxudicar unha bolsa (1.400 euros mensuais durante 12 meses) aos 15 que tiveran a mellor nota, mais subliñou que dada a grande demanda dos concellos, 29 adheridos á segunda fase e 35 traballando coa compostaxe en xeral, fai que todos “sexades necesarios”.   

 Así mesmo, o vicepresidente subliñou aos novos bolseiros que “a compostaxe suporá un traballo apaixonante… Aproveitade as vosas prácticas de xeito eficaz porque formaredes parte do grupo de técnicos mellor preparados do mundo. Estades chamados a ser o relevo a personalidades como Carlos Pérez, que tiveron que ser autodidactas. Aproveitade ben as vosas posibilidades. Parabéns e a traballar”, finalizou.  

 Pola súa banda, a presidenta Carmela Silva subliñou, en relación á nova promoción da Facultade da Compostaxe que recibiu os diplomas, que “amais do compromiso co medio ambiente, coa sostenibilidade, cun mundo máis xusto onde o tratamento de residuos sexasostible, temoso orgullo de ter promocións igualitarias. Non podemos pedir máis.”   

 Asimesmo, Silva manifestou que “teño que dar a noraboa a César Mosquera por este proxecto de formación de mestras e mestres composteiros. Síntome orgullosa de que as institución semprendamos proxectos de futuro. Os resultados deste curso están situando a provincia de Pontevedra coma un referente no mundo.”  

Inés Lusquiños, nova bolseira, diríxindose a seus compañeiros en presenza de Carmela Silva e de César Mosquera, presidenta e vice-presidente, respectivamente, da Deputación de Pontevedra

 Pola parte dos novos bolseiros tomaron a palabra Raúl Búa e Inés Lusquiños. O primeiro, manifestou a satisfacción de ter acadado a bolsa por parte da nova promoción de mestras e mestres composteiros e agadeceu á Deputación de Pontevedra dúas cuestión: a primeira “por apostar decididamente pola compostaxe como sistema alternativo de tratamento dos residuos orgánicos fronte ao modelo que representa a incineradora de Sogama (…); e tamén por apostar por nós, pola xente da terra, para levar adiante este proxecto, axudándonos así a mellorar a nosa inserción laboral nun panorama actual verdadeiramente moi complicado”.   

 Pola súa banda, Lusquiños sinalou que as persoas que recibiron o diploma do curso da Facultade da Compostaxe “estreamos unha nova liña nos nosos currículos, un logro que vai máis aló de ter superado todas as probas con éxito”. Neste sentido, a nova mestra composteira lembrou a alta cualificación e diversidade de formación de todos os beneficiarios e beneficiarias das bolsas do Plan Revitaliza e subliñou que “nos sentimos afortunadas e afortunados de formar parte dun proxecto tan ilusionante. Non sabemos a dónde chegará o Plan, pero sexa como sexa estaremos orgullosas de poder dicir, dentro de poucos ou moitos anos, “eu estiven alí, eu formei parte do equipo que cambiou, ou intentou, cambiar o modelo de xestión de residuos da provincia de Pontevedra”.

Ningún comentario: